CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O equipo de cociñeiros de 'Come a Comarca' elaborará hoxe o menú máis tradicional do Ribeiro e O Carballiño

07/07/2020

Despois de coñecer os segredos da súa gastronomía, prepararán anguías fritidas, carne ao caldeiro e canas de crema (22.15 h)

O equipo de cociñeiros de 'Come a Comarca' elaborará hoxe o menú máis tradicional do Ribeiro e O Carballiño

Santiago, 07.07.2020.-   O programa ‘Come a Comarca’ visitará esta semana as comarcas do Ribeiro e do Carballiño, onde o seu equipo de cociñeiros terá ocasión de coñecer os segredos da súa gastronomía para posteriormente poder elaborar o menú máis tradicional destas terras, composto por anguías fritidas, carne ao caldeiro e canas de crema.

Marco Varela, do restaurante Sábrego, en Ribadavia, será o encargado de guiar os concursantes pola gastronomía do Ribeiro e do Carballiño. Estes irán ás piscinas de Manolo ‘O das Anguías’ para coñecer como se crían estes animais. Rita, unha experta cociñeira que formou parte da organización da Festa da Anguía de Barral, explicaralles como cociñalas, xunto con Alfredo, o actual presidente desta festa gastronómica. Para aprender a facer a carne ao caldeiro visitarán a carnicería Ferradás, no Irixo, e o restaurante Casa Gazpara, no Carballiño. Por último, os concursantes irán xunto a Pilar, da pastelería A Canavela Fritida, no Carballiño, para coñecer a súa receita das famosas canas do Carballiño. Ela pertence a una familia de pasteleiros, os Cerviño, que son os creadores deste famoso doce.

Unha vez desvelados os segredos das tres receitas, os cinco cociñeiros afeccionados do programa enfrontaranse nun concurso popular, nas bodegas Casal de Armán, aos mellores cociñeiros da comarca facendo eses pratos: Elena García e José Antonio García, do restaurante Lembranza-Orixe (San Amaro), Ana Belén Veleiro e Teresa Iglesias, do Bodegón do Veleiro (Cenlle) e José Manuel de la Iglesia, da pastelería Royal (O Carballiño). A súa habilidade nos fogóns será avaliada por un xurado popular composto por 15 veciños da comarca.