CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O equipo de "Aquí Galicia" comparte cos espectadores a celebración do San Martiño, desde Ourense

11/11/2017

Nesta data, ademais de gozar do magosto, o programa (16.20 h.) proporá ir de tapas pola cidade e visitar as termas

O equipo de "Aquí Galicia" comparte cos espectadores a celebración do San Martiño, desde Ourense

Santiago, 11.11.2017.- A festividade do San Martiño vívese en toda Galicia e, de xeito moi especial, en toda a provincia de Ourense. Por iso, na presente edición de “Aquí Galicia”, Lucía Rodríguez, Juan Fuentes e Bernardo Montaña farán hoxe partícipes os espectadores da Televisión de Galicia do ambiente festivo que se vive na cidade das Burgas en plena celebración do magosto.

Desde o parque do Barbaña da cidade, emprazamento onde se desenvolve o gran magosto que organiza cada ano o concello, o programa dará a coñecer mellor esta celebración achegando os preparativos do magosto, xa que ademais das castañas como ingrediente principal, é preciso dispoñer de chourizos e costelas para asar. Dado que a cidade de Ourense pertence á Denominación de Orixe Ribeiro, tamén se regará este con algo de viño novo.

A oferta das tapas é outro dos grandes atraentes para visitar Ourense e nestes días máis, xa que se está a desenvolver o concurso Sabores de Ourense-Pinchos de Outono, en que participan máis de 40 establecementos ofrecendo petiscos elaborados a base de cogomelos e castañas.

Seguindo coas castañas, un equipo do espazo percorrerá a cidade para coñecer como é o traballo dos responsables das locomotoras que venden castañas por Ourense. Tamén como este froito se pode xantar de variadas maneiras, desde unha factoría verase como se transforma en marrón glacé ou en fariña de castaña, entre outras.

Nesta visita do programa a Ourense, como cidade termal de Galicia por excelencia, non podería faltar unha visita ás distintas pozas. Amosarase, amais, como en plena nevarada ou baixo unha tremenda choiva é posible gozar dun baño en plena cidade.

No apartado musical, “Aquí Galicia” contará en directo con referentes artísticos desta localidade, como María do Ceo, a orquestra Tony Pérez y los Arquinos e o grupo de baile tradicional Castro Floxo. En representación dos bailes orientais e urbanos, o programa contará coa academia de danza Enka e co grupo Estilo Libre, respectivamente.