CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O director de Innovación da CRTVG participa en Pontevedra nun coloquio sobre o desafío dixital

08/10/2019

Xosé Pereira expuxo a súa visión sobre os retos neste novo escenario nunha mesa de diálogo enmarcada nos actos de celebración do 25 aniversario da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

O director de Innovación da CRTVG participa en Pontevedra nun coloquio sobre o desafío dixital

Santiago, 08.10.2019.-    O director da Área de Innovación e Negocio da CRTVG, Xosé Pereira, participou onte no coloquio ‘Os medios de comunicación ante o desafío dixital’, enmarcado nos actos de celebración do 25 aniversario da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra.

Nesta mesa de diálogo, moderada polo profesor de Publicidade e Relacións Públicas Juan Manuel Corbacho, participaron tamén a profesora brasileira María Berenice da Costa; a xornalista de Faro de Vigo Susana Regueira; o director de ‘Diario de Pontevedra’, Miguel Ángel Rodríguez, e o delegado en Pontevedra de ‘La Voz de Galicia’, Christian Casares.

A dixitalización dos medios de comunicación, as ferramentas que permitirán trasladar boa parte do negocio tradicional á Rede e o futuro da información dixital foron os principais argumentos do debate. Os poñentes incidiron nos retos que supón o escenario dixital para os medios de comunicación, nas súas posibilidades e fortalezas e nos previsibles escenarios de futuro do xornalismo ligados aos cambios no mercado publicitario.

Este coloquio foi unha das actividades coas que a Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigo está a celebrar os seus 25 anos de historia, durante os que formou centos de profesionais da comunicación. No acto institucional, presidido polo reitor da Uvigo, Manuel Reigosa, participaron oito dos decanos cos que contou o centro neste cuarto de século de andaina. Ademais, impúxoselle a insignia de ouro da facultade ao catedrático emérito da Universidade Complutense Enrique Bustamante, que, nunha conferencia, repasou a evolución dos medios de comunicación nos últimos 25 anos e os retos de futuro da sociedade da información.