CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O 'Diario Cultural' lanza a súa propia canle dixital para ser o altofalante de todas as artes galegas

08/11/2018

O espazo da Radio Galega completa a súa innovadora estratexia analóxica cunha ambiciosa posta en escena en Internet, co podcast e as voces expertas como piares

Esta nova marca, que forma parte do proxecto #Cultura 365, contará cunha canle de Youtube onde se colgarán as 'Caras B' dos programas e as conversas cos protagonistas que non poidan escoitarse durante a emisión na RG

O 'Diario Cultural' lanza a súa propia canle dixital para ser o altofalante de todas as artes galegas

Santiago, 08.11.2018.-    A Radio Galega lanza diariocultural.gal, a canle dixital do 'Diario Cultural', co obxectivo de ser o referente de todas as manifestacións culturais de Galicia a partir dos contidos que produce o programa para a súa emisión analóxica e a produción de contidos diferenciados destinados especificamente para o dixital.

O novo 'Diario Cultural' e a súa canle dixital forman parte da estratexia da CRTVG en materia de cultura, que se enmarca no proxecto #Cultura365: un modelo baseado na programación cultural especializada os 365 días, logo de ampliar a emisión do programa 'Zigzag' da TVG e o 'Diario Cultural' na Radio Galega tamén ás fin de semana. Un 'Zigzag' que a fin de semana pasada xa foi líder de audiencia pola primeira canle na súa faixa horaria, tanto o sábado coma o domingo.

O cambio de formato que asumiu o 'Diario Cultural' na Radio Galega co arranque da temporada 18-19 compleméntase agora coa estratexia dixital. Cun deseño concibido en orixe para dispositivos móbiles, diariocultural.gal ofrece os podcast de todas as edicións dun programa que desde o pasado mes de setembro dobrou a súa duración coa posta en marcha de catro edicións de luns a venres, ás 10.30, 14.45, 17.30 e 20.50 h. Así mesmo, corrixiu a carencia de programación de cultura especializada na fin de semana con tres edicións, os sábados ás 09.30 h. e os domingos ás 09.30 e ás 14.15 h. Estes podcast poderán descargarse tamén en iTunes e Ivoox.

O novo proxecto apóiase de xeito significativo en figuras destacadas do espectro cultural galego que colaboran cada día no programa, como voces expertas, co seu coñecemento especializado. Trátase de Emilio Españadero, Rosario Sarmiento, Armando Requeixo, Rut Balbís, Alba Cid, Luís Miguel Crespo, Roberto Pascual, Miguel Anxo Prado, Carlos Portela, Begoña Vázquez, Tito Lesende, Montse Pena Presas, Beli Martínez e Carlos Ares. Todas as súas colaboracións semanais estarán a partir de agora recollidas en diariocultural.gal, co obxecto de garantir a súa recuperación en calquera momento á audiencia da CRTVG.

O vídeo será outro dos elementos diferenciadores desta canle dixital, que prevé converterse en referencia en Galicia nun breve espazo de tempo pola cantidade e calidade dos seus contidos. Para isto, conta cunha canle de YouTube onde se colgarán as “Caras B” dos programas e as conversas cos protagonistas que non poidan escoitarse na emisión en analóxico. Deste xeito, a Radio Galega camiña, a través do 'Diario Cultural', cara á creación de contidos específicos para o dixital.

Na procura da cultura-coñecemento, o 'Diario Cultural' busca o debate en profundidade arredor da cultura nas súas distintas manifestacións cunha mostra da produción e o debate que se produce en Galicia, e con diariocultural.gal como nexo e espazo de reflexión. Para isto, ademais do podcast, ofrecerase toda a produción especializada en cultura da Radio Galega a partir de noticias, reportaxes, entrevistas e crónicas, axustándose con esta canle dixital aos novos modelos de consumo de radio que demandan as audiencias.