CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O "Diario Cultural" da Radio Galega realizará este venres un programa especial desde a Casa das Mulleres Xohana Torres

09/03/2018

O programa (15.15 h.)  xirará arredor dos feminismos e a literatura con motivo do Día da Muller

O "Diario Cultural" da Radio Galega realizará este venres un programa especial desde a Casa das Mulleres Xohana Torres

Santiago 09.03.2018.-   Baixo o título “Que cor malva se decide o acio”, este venres 9 de marzo terá lugar desde a Casa das Mulleres Xohana Torres, en Santiago de Compostela, un programa especial do "Diario Cultural" da Radio Galega arredor dos feminismos e a literatura. Este programa enmárcase nas accións levadas a cabo esta semana  pola CRTVG con motivo do Día da Muller.

Este programa especial de "Diario Cultural" dará inicio coa lectura de “Penélope”, o poema de Xohana Torres que se converteu nun dos textos simbólicos do feminismo galego último. No programa tratarase de procurar lecturas, escritas, diálogos e interaccións entre a literatura e o feminismo a través das visións de poetas, investigadoras e críticas.

Na conversa coa escritora e investigadora Carmen Blanco, farase  un achegamento ao perfil e a obra de Xohana Torres. A continuación, seguirá un faladoiro sobre as interaccións entre feminismo e literatura, en que participarán a poeta e profesora da Universidade de Santiago de Compostela María do Cebreiro Rábade; a docente, crítica literaria  e escritora Susana Sánchez Aríns e a investigadora e profesora da Universidade de Vigo Teresa Bermúdez.

As poetas Elvira Ribeiro, Lara Dopazo, Charo López e Estíbaliz Espinosa apuntarán lecturas, textos e autoras de especial significación na súa visión da situación das mulleres e do feminismo. Por último, a crítica literaria do "Diario Cultural", Chus Nogueira, deterase na importancia simbólica da “casa” nas poéticas últimas a partir de Xohana Torres.