CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O Deportivo-Xirona abre este venres a xornada do 'Galicia en goles' da Radio Galega

14/02/2020

Ademais do derbi Unión Deportiva Ourense-Ourense C. F., o sábado tamén se ofrecerá a LEB Ouro e a Euroliga de hóckey sobre patíns, entre outros

O domingo, a atención estará posta no Real Madrid–Celta de Vigo

O Deportivo-Xirona abre este venres a xornada do 'Galicia en goles' da Radio Galega

Santiago, 13.02.2020.- A xornada de fútbol comeza o venres para os equipos galegos co partido Deportivo-Xirona en Riazor. Desde as 20:30 horas, Paco Santos dirixe a primeira edición de 'Galicia en goles', con Javi Torres, Rocío Candal e Xosé Manuel Traba no estadio para contar o que suceda durante os noventa minutos de xogo. O programa prolongarase ata as 23:59 horas, coa emisión das conferencias de prensa do adestradores Martí e Fernando Vázquez, xunto ás entrevistas na zona mixta aos mellores xogadores.

O sábado, ás 15:00 h, Xoán Galán pon en marcha a sesión de tarde, que estará centrada no derbi de fútbol no Couto entre a Unión Deportiva Ourense e o Ourense C.F. Ademais, os partidos da LEB Ouro de baloncesto para Breogán, COB Ourense e Marín, xunto ás citas para o Cisne no balonmán de prata e para o Guardés e o Porriño na Copa feminina serán outros dos argumentos informativos. O fútbol sala e a Euroliga de hóckey sobre patíns na Coruña completan a oferta de retransmisións.

Xa o domingo, ás 11:45 horas, a edición matinal contará o Fuenlabrada-Lugo de Segunda División A, desde o Fernando Torres. Na Segunda B xogan o Racing de Ferrol na Malata ante o Eivisa e o Coruxo no Vao fronte ao Baleares. Ademais, encontro sobranceiro na Terceira entre o Fabril e o Compostela.

A partir das 15:00 horas, o interese da xornada pasará polo Real Madrid-Celta de Vigo no Santiago Bernabeu, coa narración de Roberto Carlos Carballo, a análise táctica de Peli Cantoná e o xuízo arbitral de Xulián Suárez Fuentes. Antes do encontro de Primeira, o 'Galicia en goles' seguirá a Segunda B co Langreo-Celta B e o Pontevedra-Oviedo B, xunto ao Raio Vallecano-Deportivo da Primeira feminina e os seis encontros que pechan o calendario da Terceira.

Ás 23:00 h, Pedro Pablo Alonso abrirá 'Ao contraataque' coa conferencia de prensa de Óscar García e as declaracións dos xogadores destacados no Bernabeu.

Ademais do 'Galicia en goles', a Radio Galega ofrece cada sábado tres espazos de diferente temática deportiva. Ás 13:00 horas, Alfonso Pardo visita ao club de patinaxe artística de Gondomar, que conseguiu o ano pasado medallas nos campionatos do mundo, de Europa e de España. Ás 23:00 h, Rodrigo Pérez conduce unha nova edición da revista do motor 'Gas a fondo'. E a partir das 23:30 h, Toni López convida en 'Galicia en Toquio' o xogador paralímpico de tenis de mesa Alberto Seoane e ao xornalista da TVG Alfonso Hermida.