CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O deporte manda na Radio Galega esta fin de semana, cos encontros de Dépor, Lugo, Breogán e Obradoiro

12/01/2019

Ademais, "Gas a Fondo" porá o foco na actuación de Diego Vallejo no Dakar, mentres que o "Convivir Deportivo" estará centrado no Atlético Novás

O deporte manda na Radio Galega esta fin de semana, cos encontros de Dépor, Lugo, Breogán e Obradoiro

Santiago. 12.01.2019.-   Os deportes nas ondas públicas galegas botan a andar o sábado ás 12.00 h.  O "Convivir deportivo" será a primeira cita da fin de semana; o programa desprazase ata O Rosal.  Alí, Alfonso Pardo falará de balonmán, deporte rei da vila, da man do Atlético  Novás.

Ás 15.00 h. dá inicio  o "Galicia en Goles", dirixido por Xoán Galán e que durará  ata as 23.00 h. O partido da xornada é o Mallorca - Deportivo, que se disputará no estadio Son Moix ás 20.30 horas con Javi Torres como enviado especial. O Dépor intentará volver á senda da vitoria e acadar os postos de ascenso directo ante un Mallorca en alza. 

Antes diso,  Raúl Villares contará desde o pavillón Fernando Martín o Fuenlabrada - Obradoiro da Liga ACB de baloncesto. As outras citas do día son o Fabril - Inter de Segunda B, o Ourense - Melilla da LEB ouro e o derbi de fútbol sala feminino entre o Ourense e o Poio.

Ás 23.00 horas, Rodrigo Pérez conducirá unha nova edición de "Gas a fondo", moi pendentes da actuación do galego Diego Vallejo no rally Dakar. Ás 23.30 h., o programa olímpico "Galicia en Toquio" convida a nadadora Carla Goyanesm para falar dos seus proxectos.

O domingo, ás 12.00 horas o protagonismo será para o ciclocrós e o fútbol. En Campañó dispútase a última xornada do Campionato de España. Desde as 15.00 horas, a atención estará posta no Lugo - Estremadura de Segunda A, xunto ao Coruxo - Navalcarnero, Bouzas - Leonesa, Guijuelo - Celta B e Pontevedra - Unionistas de Segunda B, ademais da xornada de Terceira e o derbi feminino Lugo - Deportivo. No último treito do programa cobrará protagonismo o baloncesto ACB co Barcelona - Breogán desde o Palau Blaugrana e coa narración de Alfonso Pardo.

Ás 23.00 h., Pedro Pablo Alonso abrirá os micrófonos da mesa de debate en "Ao Contraataque", programa que tamén se pode seguir por streaming no Mira RG da web radiogalega.gal e na aplicación para o móbil. Peli Cantoná, César Méndez, David Moldes, Javi Torres e Víctor López serán os convidados deste espazo.