CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O concursante Alberto García retírase este xoves invicto do concurso da TVG "Coma un Allo"

10/05/2018

É o primeiro participante que acada o límite máximo de permanencia de 50 programas e hoxe intentará gañar un bote de case 28.000 €

O concursante Alberto García retírase este xoves invicto do concurso da TVG "Coma un Allo"

Santiago, 10.05.2018.-   O vigués Alberto García Pardo, concursante do programa da TVG “Coma un Allo”, despídese este xoves tras ser o primeiro participante en acadar o límite máximo de permanencia de 50 programas. Por ese motivo, o presentador, Bernardo Montaña, e os colaboradores Jorge Mira e María Canosa realizaranlle unha homenaxe na emisión desta tarde.

Alberto García comezou a súa andaina o 23 de febreiro e onte venceu no seu programa número 49, confirmando a súa condición de concursante histórico e acumulando xa unha cantidade de 11.250 €. A falta desta última xornada, en 39 ocasións chegou a xogar polo bote do programa, que na emisión deste 10 de maio chegará xa á cantidade de 27.900 €.

Grande afeccionado aos crebacabezas, Alberto García amosou unha notable superioridade nas probas de rapidez e nas de cálculo. O seu dominio só se viu ameazado no seu programa número 13, en que estivo virtualmente eliminado, pero recuperou na proba dos paneis finais de palabras, nunha espectacular remonta que o levou a unha nova vitoria.