CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O cociñeiro Javier Olleros visita esta noite o 'Larpeiros Social Club', onde preparará unha caldeirada de lagosta

22/10/2019

Merchi será a encargada de elaborar unha sobremesa á altura da ocasión e optará por unha torta de améndoas e chocolate (22.00 h)

O cociñeiro Javier Olleros visita esta noite o 'Larpeiros Social Club', onde preparará unha caldeirada de lagosta

Santiago, 22.10.2019.-     Desde que o Miño é río e a terra é verde, sempre houbo galegos arredor, xentes sabias que tiñan grandes estudos naquilo que era esencial. Como pescar, como gradar a terra ou sacarlle partido aos montes, que é algo que facemos ben dende hai centos de miles de anos.
    
Neste 2019 non faltan eruditos, e no ‘Larpeiros Social Club’ van  enredar o día con algúns deles: Adelina, labrega de pro e firme defensora da observación como sistema de traballo, ou Diego, experto en lagostas de longa tradición familiar, e tamén Javier, un cociñeiro que desde O Grove intenta poñer no prato todo o que lle chega a través dos sentidos. Xunto a eles, estarán coma sempre os amigos do club, cociñando e aprendendo, cantando e botando unhas risas.

O cociñeiro convidado de hoxe, Javier Olleros, fará unha caldeirada de lagosta, un produto moi prezado pola súa escaseza, a súa carne exquisita e o seu sabor a mar. Ademais, sorprenderá cun primeiro prato con cebola, unha hortaliza moi común nos nosos pratos, pero pouco habitual como protagonista. Trátase dunha invención do mestre que vai quedar moi rica.

E un menú desta categoría merece unha sobremesa de Merchi. Nesta ocasión, elaborará unha torta de améndoas con chocolate, que alegrará a fin de festa.