CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O ciclo en aberto 'Carteleira G' propón a partir deste xoves un pack de catro películas que evocan o verán

20/05/2020

Os usuarios da web crtvg.gal poderán ver durante unha semana os filmes ‘Días azuis’, ‘Pradolongo’, ‘Vilamor’ e ‘O tesouro’

O ciclo en aberto 'Carteleira G' propón a partir deste xoves un pack de catro películas que evocan o verán

Santiago, 20.05.2020.-    O verán é un recurso moi expresivo e un escenario moi usado pola literatura e o cinema para falar sobre a vida exultante, os amores intensos e o paso do tempo. A web da CRTVG ofrecerá desde este xoves, no ciclo en aberto ‘Carteleira G’, unha versión cinematográfica do estío, que estes días semella que chega adiantado, evocándoo con catro títulos tirados da filmoteca da Televisión de Galicia.

O primeiro deles é ‘Días azuis’ (Miguel Santesmeses, 2006), unha comedia agridoce sobre a perda do mundo feliz da mocidade. Conta a historia de tres irmáns que teñen que vender a casa onde veranearon desde nenos. Coa venda, ese verán morren tamén mil recordos e amores. Aos madrileños Miguel Santesmases (director) e Martín Casariego (guionista) únenlles fortes vínculos sentimentais con Galicia. Rodaron na bisbarra ferrolá, con Óscar Jaenada, Javier Pereira e Javier Ríos como os tres irmáns e María Castro, Celia Freijeiro, Marta Larralde, Cristina Castaño e Sara Casasnovas completando o elenco.

Tamén forman parte do ciclo desta semana dúas películas do director Ignacio Vilar, que utiliza o verán para falar da perda da inocencia en dous títulos que tiveron moito éxito nos cines e que conqueriron altas cotas de audiencia na TVG. ‘Pradolongo’ (2006) conta a historia de traizón da amizade de tres mozos, amigos desde a infancia que no último verán da súa mocidade, antes de enfrontarse ao mundo adulto, rachan coas súas promesas de camaradería eterna. Rubén Riós, Tamara Canosa e Roberto Porto dan vida aos rapaces. A película tivo case 200.000 espectadores na súa primeira emisión na Televisión de Galicia.

Outra longametraxe de Vilar que se poderá ver estes días en ‘Carteleira G’ é ‘Vilamor’ (2012), unha historia de amor entre un seminarista (Rubén Riós, de novo) e unha rapaza (Sabela Arán) dunha comuna hippy asentada na montaña lucense, fronte á incomprensión dos paisanos.

Completa este ciclo dedicado ao verán a película ‘O tesouro’ (Manuel Martín Cuenca, 2007), unha fermosa, e non exenta de humor, adaptación de ‘A illa do tesouro’ de Stevenson e tamén doutras historias de piratas (‘Moonfleet’) trasladadas ao marco do Barqueiro e no tempo actual. Aquí o Long John Silver é un mariñeiro dedicado ao tráfico de estupefacientes que ten que dar refuxio estival a un rapaz orfo de 17 anos, fillo do seu mellor amigo. A traizón da amizade, entre un rapaz e un adulto que é unha figura paterna, a perda da inocencia e a melancolía pola perda do paraíso -tamén representado no verán- enchen de beleza unha película pouco coñecida, producida por Vaca Films e interpretada por Antonio de la Torre, Julio Soler, Paula Charlín, Antonio Durán ‘Morris’ e Xulio Abonjo.