CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O chourizo é o ingrediente estrela da nova cita dos "Larpeiros" na Televisión de Galicia

06/03/2018

Da man do cociñeiro Carlos Parra, hoxe (22.15 h.) tocará un guiso de costela de porco con patacas, que irá compañado deste prezado embutido

O chourizo é o ingrediente estrela da nova cita dos "Larpeiros" na Televisión de Galicia

Santiago, 06.03.2018.-    Os “Larpeiros” manterán hoxe unha animada conversa sobre os embutidos. Se tivesen que escoller, moitos non saberían que clase de embutido é o seu favorito. Non é de estrañar porque afortunadamente, en Galicia, hai unha gran diversidade, desde a androlla ao botelo, pasando polas salchichas, as morcillas e os salchichóns ata o chourizo. No caso deste último, a variedade aínda é maior: hainos frescos, semicurados, curados, picantes, sen picante, para cocer, para fritir... E valen para acompañar case calquera cousa: un lacón con grelos, un guisiño, un arroz, a pasta.... O chourizo é un dos grandes patrimonios da gastronomía galega.

O cociñeiro convidado Carlos Parra, como bo home de Ourense, sabe moito de bos embutidos e hoxe pensa demostralo na casa dos “Larpeiros”. Para iso, ten pensado preparar un prato que deixará os seus compañeiros coa boca aberta: guiso de costela de porco con patacas e chourizo. Un prato sinxelo, barato e moi saboroso que é capaz de alegrar a mesa dos comensais máis esixentes.

Para isto, Adrián irá voando ata a Serra de Outes, na provincia da Coruña. Alí, da man de Víctor, aprenderá a facer uns chourizos moi especiais: chourizos con castañas do Caurel, un invento ben sabedeiro e orixinal que axiña será un clásico nas despensas. De volta na casa, a festa vai ser completa coas tortiñas americanas con arandos coas que Merchi e Leni agasallarán o resto dos “larpeiros”.