CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O chamamento á solidariedade do 'Quen anda aí?' da TVG cámbialle a vida a unha familia galega

23/10/2020

Un empresario de Mazaricos, conmovido pola situación límite destes pais, en risco de perder a custodia das dúas fillas menores, contactou onte, en directo, co programa para ofrecerlles unha nova vida

O chamamento á solidariedade do 'Quen anda aí?' da TVG cámbialle a vida a unha familia galega

Santiago, 23.10.2020.-  O ‘Quen anda aí?’ viviu onte un dos momentos máis emotivos desde o inicio da súa segunda temporada na TVG, en cada emisión, con contidos moi ligados á actualidade relativa ao coronavirus, cando a chamada dun espectador lle cambiou a vida unha familia en situación límite.

O equipo do ‘Quen anda aí?’, con Marcial Mouzo e Rodrigo Vázquez á cabeza, tras coñecer os difíciles momentos económicos e vitais que atravesa unha familia de Arteixo, quixo axudar a cambiarlle a vida facendo un chamamento á solidariedade desde o programa. Por mor de anos de inestabilidade laboral, María, a matriarca da familia Hernández Salazar, e a súa filla Mila contaron onte no estudio o seu crítico estado, ían ser desafiuzados da vivenda en que estaban alugados e, nese caso, engadirían o risco de perder a custodia das súas dúas fillas pequenas, de 4 e 12 anos, esta última cunha discapacidade.  

Desde o programa deron un paso máis e fixeron un chamamento á audiencia para conseguirlles unha vivenda de alugueiro, pero tamén un traballo para que puideran ter independencia económica e refacer así a súa vida. Tal e como conta Rodrigo, “respondemos á vontade de servizo público. O mundo non o imos cambiar, pero se podemos axudar unha familia a que saia adiante pois moito mellor. Puxemos a intención de axudar, e o público, ademais de ser fiel, é bondadoso”. Desde o programa, como comenta o presentador, “ademais de acompañar a xente no máis duro da pandemia, levamos a cabo distintas iniciativas, coma unha camiñada solidaria para recadar axuda para o Banco de Alimentos ou concienciar a xente máis nova ante o coronavirus grazas á colaboración de artistas, e, neste caso, estar coa xente que peor o está pasando”.

O xesto solidario chegou cara ao final da edición deste xoves, cando Manuel González, emigrante retornado e propietario dunha industria cárnica, que sufriu un importante sinistro esta mesma semana, conmovido pola situación desta familia, púxose en contacto en directo co programa para botarlles unha man, ofrecéndolles un traballo e, incluso, mediar para conseguirlles unha vivenda no seu concello en Mazaricos.