CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O caso do parricida de Oza centra este martes o tempo de 'Na mente do asasino'

17/11/2020

O programa afondará nos feitos ocorridos en maio de 2017, cando Marcos Mirás matou o seu fillo de once anos nunha pista forestal deste concello

O caso do parricida de Oza centra este martes o tempo de 'Na mente do asasino'

Santiago, 17.11.2020.-  O caso que analizará este martes o programa ‘Na Mente do Asasino’ (22.40 h) será o do coñecido como o parricida de Oza, Marcos Mirás, que o 7 de maio de 2017 levou o seu fillo de once anos ata unha pista forestal no concello de Oza e matouno dunha pada frontal na cabeza. Quixo soterrar o corpo, pero non foi capaz. El mesmo acompañou horas despois a Garda Civil ata o lugar onde deixara o neno.

Lembran os que alí estaban a súa frialdade fumando un cigarro na escena do crime. Era o Día da Nai e ela agardaba o pequeno no punto de encontro, pero nunca chegou. Marcos fora condenado xa por coaccións a unha muller que vivía atemorizada tras o divorcio.

Coas intervencións do catedrático de Psicoloxía Criminal Jorge Sobral, dos xornalistas Alberto Mahía e Montse Carneiro e do avogado Ignacio Espinosa, entre outros, ‘Na Mente do Asasino’ afondará no caso e nos detalles dos feitos.

A continuación, na mesa de análise moderada por Pablo Carballo, intervirán a avogada Rocío Beceiro, a psicóloga clínica María Eugenia Ínsua, o criminólogo Luís Alamancos e o forense do Imelga Alberto Fernández Liste.