CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O cantautor ferrolán Andrés Suárez e a artista onubense Marta Soto amosan o seu talento no 'Bamboleo' deste sábado

12/09/2020

Ademais, Merchy Treviño e a súa Big Band animarán a todo o público a bailar coa súa música

O cantautor ferrolán Andrés Suárez e a artista onubense Marta Soto amosan o seu talento no 'Bamboleo' deste sábado

Santiago, 12.09.2020.- Un sábado máis, Xosé Manuel Piñeiro ponse á fronte do ‘Bamboleo’ (22.05 h), o espazo de música e entretemento da Televisión de Galicia. O programa de hoxe terá como convidado principal a Andrés Suárez, cantautor galego que pasou de actuar nos bares de Ferrol a encher os escenarios de Madrid e que hoxe é un referente da música indie a nivel nacional. Suárez lanzou neste 2020 o seu oitavo disco de estudio, con dez cancións cheas de luz en que o artista se ispe como nunca o fixera e co que conseguiu o número 1 en vendas na súa semana de lanzamento.

O espazo da TVG tamén convida esta noite a subir ao seu escenario a compositora onubense Marta Soto, unha nova promesa da música española, cunha personalidade propia, unha voz carismática e un talento inconmensurable. Soto deuse a coñecer a través da súa canle de YouTube, interpretando versións de éxitos da música en español. Despois de ser descuberta e aclamada por grandes artistas do noso país, publicou o seu primeiro EP dixital, titulado ‘Quiero verte’. Este sábado interpretará ese tema e o máis recente ‘Podrás contar conmigo’.

Cando chegue a hora de bailar, Merchy Treviño e a súa Big Band animarán a todo o público. Ademais, na sección ‘Agora ou nunca’ subirá ao escenario Agus Guzmán, que interpretará ‘24 mila baci’, de Adriano Celentano. Enfrontarase a Juan Carlos Pérez, que cantará o ‘Bailar pegados’ de Sergio Dalma.

Coma sempre, ‘Bamboleo’ ofrecerá tamén as seccións ‘A ITV do amor’, onde un concursante terá que adiviñar cal é a verdadeira parella dunha persoa a partir de certas probas, ‘A Jrileira’, en que Deborah e Pedro se enfrontarán ao karaoke cantando ‘Bulería’, de David Bibal, e ‘Dirtidansi’, onde Erik e Monika bailarán salsa.