CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O 'Bos Días' abre unha nova canle de comunicación coa audiencia a través de WhatsApp

14/02/2017

Os espectadores poden enviar vídeos ou imaxes de feitos noticiosos que estean a producirse no momento ao móbil 659090645, o número do servizo de mensaxería Gcontigo da CRTVG

O 'Bos Días' abre unha nova canle de comunicación coa audiencia a través de WhatsApp

Santiago, 14.02.2017.- O informativo matinal da Televisión de Galicia 'Bos días' acaba de abrir unha nova canle de comunicación cos telespectadores a través da aplicación de mensaxería móbil WhatsApp, coa que convida a audiencia a enviar vídeos ou imaxes de acontecementos de relevancia informativa que estean a producirse en calquera lugar de Galicia.

Os espectadores poderán así achegar imaxes e informacións de servizo público referentes, por exemplo, ao estado do tráfico, sucesos, feitos anecdóticos ou calquera outra situación da que foran testemuñas e que consideren de interese.

Unha vez máis, a  CRTVG  utiliza as novas canles dixitais, e a comunicación inmediata que facilitan, para establecer un feedback directo cos espectadores e fomentar a súa participación enviando as imaxes ao número 659090645 do servizo Gcontigo ou tamén a través da conta de Twitter @tvgalicia. Grazas a súa colaboración, os espectadores facilitan á redacción de Informativos da TVG imaxes ás que doutra forma, pola propia natureza inmediata do suceso, non poderían chegar as cámaras.

O 'Bos Días' engade unha nova dimensión ao servizo Gcontigo posto en marcha pola CRTVG o pasado mes de abril, e que permite aos usuarios recibir información personalizada a través de WhatsApp. Os espectadores poden darse de alta na web www.gcontigo.gal e elixir as temáticas nas que están interesados: información de actualidade, deportes, programación da TVG ou contidos do blog sobre o galego Saborea a lingua.