CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Unicef achegará axuda médica e educativa a 550 nenos e nenas, co apoio da CRTVG

02/12/2019

Coas doazóns recibidas na Semana coa Infancia, poderase levar material para dar clase a 440 nenos e nenas, tratamento completo contra a desnutrición a 47 nenos e realizar unha revisión médica a 64 rapaces e rapazas liberados de grupos armados na República Centro Africana

Unicef achegará axuda médica e educativa a 550 nenos e nenas, co apoio da CRTVG

Santiago, 02.12.2019.-  A CRTVG agradece a destacada colaboración da audiencia coa Semana coa Infancia de UNICEF, iniciativa solidaria en que os medios públicos galegos ofreceron contidos especiais para sensibilizar sobre os nenos e nenas que morren por causas evitables, non van á escola ou non están protexidos ante a explotación, a violencia ou o abuso. Na campaña, que tivo por lema ‘Por todos os meus compañeiros’, os espectadores da Televisión de Galicia e os oíntes da Radio Galega doaron, a través de mensaxes ou chamadas telefónicas, arredor de 6.000 euros.

Co recadado na Semana coa Infancia da CRTVG, UNICEF poderá enviar 11 escolas nunha maleta, cada unha con material para dar clase a 40 nenos e nenas, proporcionar  tratamento completo contra a desnutrición a 47 nenos, e realizar un chequeo médico a 64 nenos e nenas liberados de grupos armados na República Centro Africana.

A CRTVG, no marco da súa responsabilidade social corporativa e co obxectivo de acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), desenvolveu esta campaña con UNICEF, para lograr, entre outros ODS, a prohibición e a eliminación das peores formas de traballo infantil, incluídos o recrutamento e a utilización de nenos soldado ( ODS 8); garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade ( ODS 4); ou poñer fin á fame e lograr a seguridade alimentaria e a mellora da nutrición ( ODS 2).
  
Entre o 18 e o 24 de novembro, os medios públicos galegos serviron de altofalante para dar conta dos nenos e nenas que sofren os conflictos e situacións de explotación laboral, entre outros contidos. Programas da TVG como o ‘Bos Días’, ‘A Revista’, ‘A Revista Fin de Semana’, ‘Fun polo Aire’, ‘Vin polo Vento’, ‘Luar’, ‘Aquí Galicia’ e ‘Telexornal Mediodía e Serán’ ofreceron entrevistas e reportaxes sobre rapaces e rapazas obrigados a fuxir das súas casas a causa da violencia ou sen posibilidade de acceso á educación. Na Radio Galega, pola súa parte, os espazos ‘Galicia por Diante’, ‘A Tarde’, ‘A Crónica, ‘Galicia por Diante Fin de Semana’ e ‘Galicia en Goles’ ofreceron, amais, entrevistas en que os máis pequenos interviñeron para falar sobre temas de actualidade como o cambio climático, amais de concienciarse sobre a importancia do deporte e de manter hábitos saudables para loitar contra a obesidade.