CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O achado do cadáver de Sara no maleteiro do coche de Antón fai que se alíe de novo co seu irmán César en 'A Estiba'

19/01/2020

Pola súa parte, as irmás Fortes están convencidas de que Lionel está detrás do atentado contra Marcos (22.35 h)

O achado do cadáver de Sara no maleteiro do coche de Antón fai que se alíe de novo co seu irmán César en 'A Estiba'

Santiago, 19.01.2020.-    No capítulo desta noite de ‘A Estiba’, despois de atopar o cadáver de Sara no maleteiro do coche, Antón decide tragar o seu orgullo e acode a César. Os dous irmáns Longueira finxen seguir levándose mal de cara á galería e mesmo chegan a provocar a detención de César. Todo forma parte dun plan. Na comisaría, César négase a declarar diante de Sofía: só falará con Manuela Fortes.

Pola súa parte, Cruz leva tempo dándolle voltas á detención de Caniche: non cre que estea detrás do atentado contra o alcalde. E cando se decata de que está a recibir presións para declararse culpable, Cruz decide investigar pola súa conta. A súa liña de traballo coincide coa de Manuela, que continúa detrás de Lionel, e chegan á conclusión de que o construtor está implicado no atentado de Marcos.

Manuela vese obrigada a poñer en espera a investigación de Lionel cando César a reclama e apunta a Estevo como responsable da morte de Xavier. Aínda que ao principio ninguén o cre, a cousa cambia cando atopan o cadáver de Sara no coche do tenente de alcalde. Temendo acabar na cadea, Estevo decide contalo todo e denunciar a Covas: el é o cerebro da trama de narcotráfico, ademais do asasino de Xavier e de Sara. A policía vai tras Covas, que na súa fuxida intenta vingarse dos Longueira, xa que sabe que eles están detrás da súa caída.  

Mentres, o proxecto do porto de transatlánticos recibe luz verde definitiva e a construtora de Lionel está a piques de recibir os cartos das axudas municipais para a construción do centro comercial. Rosalía continúa sospeitando do seu xefe e intenta buscar as probas que confirmen que é un asasino, pero Lionel decátase. Sabe que a detención de Estevo precipitouno todo e pretende usar a Rosalía para meterlle presión a Marcos e fuxir cos cartos das axudas.