CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O 24 de setembro remata o prazo para a presentación de orixinais ao Premio "Diario Cultural" de Teatro Radiofónico

11/09/2017

O xurado deste certame, integrado por profesionais do mundo da escena e da radio, seleccionará as obras finalistas, que serán dramatizadas para a súa emisión por un elenco de actores e actrices

Esta iniciativa da Radio Galega, que vai xa pola undécima edición, pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre autores/as e o medio radiofónico e promover o encontro entre a audiencia e o teatro

O 24 de setembro remata o prazo para a presentación de orixinais ao Premio "Diario Cultural" de Teatro Radiofónico

Santiago, 11.09.2017.-    O 24 de setembro remata o prazo para a presentación de orixinais á undécima edición do Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico, unha iniciativa da Radio Galega que conta co apoio da Secretaría Xeral de Cultura e que pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre autores/as e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega, promover o encontro entre a audiencia e o teatro e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico desde unha perspectiva contemporánea.

O xurado do Premio de Teatro Radiofónico, integrado por profesionais do mundo da escena e da radio, seleccionará dos orixinais presentados as obras finalistas, que serán dramatizadas para a súa emisión por un elenco de actores e actrices. As dramatizacións emitiranse nos distintos programas da Radio Galega. Entre as emitidas, o xurado escollerá a obra galardoada co Premio do Xurado e a audiencia votará a obra que recibirá o Premio do Público. Cada un dos premios está dotado economicamente con 3.000 euros. As bases pódense consultar na web crtvg.gal.

19 autores e autoras premiados e máis de 100 profesionais, entre directores e directoras, actores e actrices, técnicos e profesionais da edición e da produción, participaron desde o ano 2006 nesta iniciativa, que procura dar un novo pulo cun enfoque contemporáneo a un xénero cunha longa tradición na historia da radiodifusión.

Na foto superior, acto de presentación da undécima edición do Premio "Diario Cultural" de Teatro Radiofónico, en xullo pasado