CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Nunha nova entrega dobre, "Casamos!" amosará esta noite a historia de amor de Mariela e Eduardo e de Fani e Gonzalo

14/03/2018

A primeira parella (22.00 h.) renova os seus votos co futbolista Emilio Butragueño como convidado e a segunda (23.10 h.), que forma o dúo musical Megamanía, pasará polo altar tras oito anos de relación

Nunha nova entrega dobre, "Casamos!" amosará esta noite a historia de amor de Mariela e Eduardo e de Fani e Gonzalo

Santiago, 14.03.2018.-     Hai persoas que botan anos procurando a súa media laranxa e logo están Mariela e Eduardo, protagonistas da primeira entrega de “Casamos!” que a TVG ofrece esta noite. Estes dous mozos tiveron claro desde o primeiro momento que o seu era para sempre.

A súa historia é de película: Mariela viaxou dende A Arxentina á Costa da Morte para coñecer a terra onde naceu o seu pai. En Cee coñeceu a Eduardo, o seu namorado, e  despois de 20 días pasaron polo altar. Decidiron instalar o seu niño de amor en Galicia e comezar unha vida xuntos. Aínda que nos seus comezos poucos daban un peso pola súa relación, agora queren celebrar os seus 17 anos de amor.

En “Casamos!” renovarán os seus votos cunha cerimonia que contará coa presenza sorpresa de Emilio Butragueño, lendario xogador do Real Madrid, e Peke, cantante e líder da orquestra Olympus.

A continuación, o programa amosará a historia de amor de Fani e Gonzalo, que se coñeceron nunha entrevista de traballo. El buscaba unha cantante para a súa orquestra e atopou ao mesmo tempo a muller que levaría ao altar.

Desde a súa primeira cita, hai oito anos, pasan cada día 24 horas xuntos. Despois de percorrer coa orquestra parroquias e vilas compartindo escenario durante varios veráns, hai un ano que decidiron pechar o negocio e reinventarse. Hoxe Fani deseña e confecciona traxes para espectáculos e Gonzalo segue ligado ás gravacións e arranxos musicais mentres busca unha nova saída profesional. Xuntos forman o dúo musical Megamanía e continúan revivindo o seu amor en cada actuación.