CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Nova temporada de 'Tesouros no faiado', programa que anda á procura de tesouros esquecidos nos rochos

09/09/2019

Amosa o valor e a transformación de obxectos que deixan de ser un refugallo para cobrar a importancia que merecen

Nova temporada de 'Tesouros no faiado', programa que anda á procura de tesouros esquecidos nos rochos

Santiago, 09.09.2019.-  'Tesouros no faiado' (23.00 h.) volve desde esta noite introducirse nos faiados, nos rochos e nas palleiras dos galegos para amosar os tesouros agochados ou esquecidos, que ás veces ata os seus propietarios descoñecen. O equipo deste espazo da TVG é especialista en ver marabillas onde outros só ven barafullada. Así, en cada emisión da segunda temporada, o programa amosaralles aos espectadores o descubrimento, o valor e a transformación de obxectos que deixan de ser un refugallo para cobrar a importancia que merecen.

Desde o espazo tamén se coñecerán as historias de auténticos buscadores de tesouros en Galicia, que taxan, mercan, restauran e coñecen o valor e o pasado dos obxectos para contar a historia de Galicia peza por peza.

No 'Tesouros no faiado' de hoxe, o colaborador do programa Luis Varela irá ata Carral na busca de algún tesouro escondido. En Cee, o restaurador de motos terá unha peza moi especial entre as súas mans, unha vespa orixinal dos anos 50, pero bastante feita po á que intentará devolverlle a vida. E os anticuarios Jacobo e Joserra visitarán os muíños do Corgo, en Antas de Ulla, que atopará esta parella nesta contorna tan especial?