CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Nova temporada de Radio Galega Música, que a partir deste luns recupera os seus programas temáticos de autor

13/09/2020

Regresan veteranos como Lume na palleira e Tres peixes voando, ademais de Ondas indies, O lobo urbano, Notas de jazz, Cara B e Raizame

Estes espazos combínanse cunha radiofórmula enfocada ás preferencias do público galego, que ofrece unha coidada selección das cancións favoritas das últimas décadas e dos éxitos máis actuais

Nova temporada de Radio Galega Música, que a partir deste luns recupera os seus programas temáticos de autor

Santiago, 13.09.2020.-    Radio Galega Música estrea este luns nova temporada co regreso dos seus programas temáticos de autor, que tratan de ser un escaparate para as distintas tendencias e estilos da enorme variedade musical, sempre con óptica e ollada galega. Estes espazos combínanse cunha radiofórmula sen estridencias enfocada ás preferencias do público galego, que ofrece unha coidada selección das cancións favoritas das últimas décadas e dos éxitos máis actuais.

Deste xeito, a vindeira semana regresan programas veteranos como Lume na palleira, un escaparate do folk galego actual, e Tres peixes voando, unha fiestra aberta ás músicas do mundo. O primeiro emitirase os domingos de 17:00 a 19:00 h e o segundo, ese mesmo día na sobremesa (de 15:00 a 17:00 h). Tamén volven ao dial as Ondas indies, que os xoves a partir das 23:00 h dan protagonismo ás ondas máis actuais de Galicia e aos seus creadores.

O rock adulto chegará os martes, de novo da man do histórico Charlie Domínguez, co programa O lobo urbano, mentres que Notas de jazz seguirá a retratar os venres un mundo cada vez máis rico e versátil, coa presenza de músicos galegos de recoñecida valía nacional, que soan a carón das propostas máis actuais da chamada música do século XX.

Estas propostas musicais, que se emitirán tamén ás 23:00 h, complétanse coa Cara B de Manuel de Lorenzo, que os mércores retratará a historia detrás das cancións máis veneradas das últimas décadas, e a Raizame de Óscar Losada, que ofrece cada luns a lista europea das músicas do mundo, ademais da actualidade dos artistas conectados coa lusofonía, a música de raíz dos países europeos e a creatividade sonora que vai máis alá do pop estándar.

Nesta nova temporada, tampouco faltará á súa cita nas mañás da fin de semana (09:00 hConcerto popular, programa presentado por Pablo Barreiro e dedicado ao mundo das bandas de música.

Polo demais, coa súa aposta musical, sempre pegada ás preferencias dos oíntes galegos, a emisora, que arroupa os lanzamentos dos artistas do país sen esquecer os grandes hits da música galega de todos os tempos, pretende acompañar a audiencia durante os distintos momentos das súas actividades cotiás. Desde as primeiras horas do día, coa fórmula espertador, pasando polas horas laborais, en que se ofrece música para o traballo, e xa á última hora da tarde, coa chamada "música para a volta á casa", que acompaña os condutores no tramo final da tarde e primeira hora da noite.

A esta oferta musical súmanse as outras propostas da Radio Galega baseadas na tecnoloxía dixital: Son Galicia Radio e a canle infantil e xuvenil Radio Picariña, que continúan coas súas variadas propostas musicais este outono-inverno.