CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Nace 'Radio Picariña', a primeira emisora dixital de música infantil e xuvenil da CRTVG

21/06/2018

Para a xefa de Programas da Radio Galega, “este é un primeiro paso que marcará o camiño do futuro das emisoras musicais públicas de Galicia”

Esta nova canle de emisión online, integrada na marca Xabarín, lánzase cun milleiro de cancións en galego

Nace 'Radio Picariña', a primeira emisora dixital de música infantil e xuvenil da CRTVG

Santiago, 21.06.2018.-  Os máis novos da casa teñen desde este xoves o seu propio espazo nas ondas co nacemento de Radio Picariña, a primeira canle dixital de música infantil e xuvenil da historia da Radio Galega. Con este lanzamento, a emisora pública galega amplía o seu abano de canles especializadas coas que pretende abranguer todos os públicos. Esta nova canle dixital, integrada na marca Xabarín, pon a disposición dos usuarios unha selección coas mil mellores cancións en lingua galega para os máis pequenos.

Radio Picariña’ é a primeira experiencia de radio dixital para a CRTVG cun formato similar ao de aplicacións como Spotify, que lles ofrece ás persoas a posibilidade de seleccionar a música que desexen escoitar entre todos os temas. Deste xeito, desde o reprodutor pódese navegar por toda a listaxe de cancións e elixir as que se queiran oír, desde o PC ou ben desde dispositivos móbiles.

A través desta canle, de emisión online, a Radio Galega aposta por crear produtos diferenciados e de servizo público. Segundo Tania Fernández Lombao, xefa de Servizo de Xestión Operativa de Programas da RG, “este é o primeiro paso que marcará o camiño do futuro das emisoras públicas de Galicia. Todo iso, combinado coa emisión por FM de Radio Galega Música, dotada de nova programación desde febreiro de 2018, con programas especializados en rock, pop, jazz, folk e música clásica”.

Con esta iniciativa, a Radio Galega continúa coa renovación das súas emisoras musicais co obxectivo de conectar co público infantil e mozo. A última experiencia, neste senso, foi a emisión por Facebook Live do concerto Oh! Ayatollah, gravado con teléfonos móbiles.

‘Radio Picariña’ é “o resultado de meses de traballo nun proxecto de futuro, de marcado calado cultural e relacionado coa captación de novos públicos”, engade Tania Fernández Lombao. Para acceder aos contidos de ‘Radio Picariña’, os usuarios da nosa web só deben entrar na ligazón crtvg.gal/radio-picariña.

As cancións que inclúe a nova emisora dixital están ordenadas de forma alfabética por título. Na información que se mostra ao usuario está o título da canción, o álbum ao que pertence e os autores da mesma. ‘Radio Picariña’ convértese, deste xeito, nunha radio musical ideal para gozar dela nos centros educativos, garderías, salas de espera, etc., xa que tamén permite a escoita de todos os temas de xeito consecutivo.