CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Nace a nova CRTVG convertida en Corporación para estar mellor adaptada ás esixencias actuais da comunicación audiovisual

01/01/2016

A Corporación Radio e Televisión de Galicia empeza as súas actividades este 1 de xaneiro, asumindo os bens, dereitos e obrigas da antiga Compañía

O que foi un ente público con dúas sociedades anónimas pasa agora a ter unha estrutura xurídica unificada

Aumentar a eficiencia económica e achegar o maior valor engadido posible á sociedade son os obxectivos desta transformación

Nace a nova CRTVG convertida en Corporación para estar mellor adaptada ás esixencias actuais da comunicación audiovisual

Santiago, 01.01.2016.-    A nova CRTVG, convertida en Corporación Radio e Televisión de Galicia, entra en funcionamento hoxe, 1 de xaneiro, para facerlle fronte ao actual cambio de modelo na comunicación audiovisual e como consecuencia da aplicación da Lei 9/2011 de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual.

No día de onte tivo lugar a extinción legal da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, de maneira que o que foi concibido en 1984 como un ente público con dúas sociedades anónimas (as que xestionaban a televisión e a radio públicas) pasa a ter agora unha estrutura xurídica unificada baixo a fórmula de sociedade anónima, que conta como única accionista coa Xunta de Galicia.

Todos os bens, dereitos e obrigas da anterior CRTVG, incluído todo o seu persoal e patrimonio, son asumidos pola nova Corporación. Unha das primeiras consecuencias do novo estatus terá lugar este luns, día 4, coa toma de posesión do novo Consello de Administración, integrado por seis membros elixidos polo Parlamento de Galicia, en lugar dos doce anteriores.

Coa nova configuración espérase que a CRTVG se poida afacer mellor ás novas necesidades de flexibilidade e eficiencia internas necesarias para atender os servizos que hoxe demanda a sociedade. O obxectivo é que os medios públicos galegos dispoñan dunha organización adaptada á evolución nos hábitos de consumo audiovisual, converténdose así nun sistema multiplataforma, integrado na nova cultura dixital, con presenza nos diversos soportes, canles de distribución e frecuencias, e achegando o maior valor engadido posible á sociedade.