CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Na entrega desta semana de 'Serramoura', Diego é sinalado como principal sospeitoso, pero o testemuño de Santos apunta a Antía como a asasina do carmín

15/11/2017

Mentres tanto, Raquel segue axudando a Teresa a levar o serradoiro e semella que lle afloran sentimentos por Pancho que levaban moito tempo agochados

Na entrega desta semana de 'Serramoura', Diego é sinalado como principal sospeitoso, pero o testemuño de Santos apunta a Antía como a asasina do carmín

Santiago, 15.11.2017.-  No capítulo desta noite de 'Serramoura' (22.35 h.), os espectadores verán como o sangue que había no coche de Afonso Barcala pertence a Diego e iso sinálao como principal sospeitoso, pero, por outra parte, o testemuño de Santos apunta cada vez máis a Antía como a asasina do carmín. Como fará Marga, que desconfiou da avogada desde o principio, para encaixar as pezas?

O que si que parece claro é que o sarxento Bazán está metido na que podería ser a situación máis complicada da súa vida. Totalmente sometido por Antía, unha muller capaz de calquera cousa para dobregar a vontade dos que a rodean, terá que librar unha dura batalla interior para sobrepoñerse á súa influencia.

Pero Diego e os seus compañeiros non son os únicos que pasan por un terrible momento en Serramoura. A participación de Hugo como cómplice de Antía fixo que Evaristo o denunciase ante a Garda Civil e a posibilidade de que eluda o cárcere viuse reducida pola gravidade dos acontecementos.

Mentres tanto, Raquel segue axudando a Teresa coa dirección do serradoiro. Despois dunha época de grandes sacrificios, a nova xestión comeza a dar os seus froitos e a empresa volve á senda dos beneficios.

Ademais, semella que entre Raquel e Pancho afloraron os sentimentos que levaban moito tempo agochados e todo apunta a que comezarán unha nova relación, se non aparece ninguén que o impida.