CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Moito humor e moitas novidades no regreso do 'Malicia Noticias', con novas fichaxes e novas seccións

12/09/2021

O presentador Fran Cañotas e a escritora e actriz Elba Pedrosa incorpóranse ao equipo de ‘maliciosos’ que de domingo a mércores analizan a actualidade dun xeito diferente

Moito humor e moitas novidades no regreso do 'Malicia Noticias', con novas fichaxes e novas seccións

Santiago, 12.09.2021.-   ‘Malicia Noticias’, o programa máis pillabán da Televisión de Galicia, regresa con moito humor e moitas novidades. Desta volta, muda o seu horario, que será de domingo a mércores ás 22.30 h, en pleno prime time. O noticiario volve para contar toda a actualidade dun xeito diferente, dándolle voz ás nosas xentes, ao que pasa na rúa e ao máis comentado nas redes sociais.

Este ano, o condutor do programa, Arturo Fernández, estará acompañado polos maliciosos máis veteranos (Noelia Rey, Pepe Capelán, Brais Doval, Oswaldo Digón, Antonio Mosquera, Laura Vaqueiro e Belén Vara), pero tamén contará con novas fichaxes que lle darán un punto máis ao programa. Deste xeito, incorpóranse ao programa Fran Cañotas, presentador de espazos de gran sona na TVG como ‘Adiviña quen vén esta tarde’, ‘Cantas ou non?’ ou “Come a comarca”; e Elba Pedrosa, escritora, actriz e presentadora.

Outra das novidades desta temporada son ‘As parroquias’, unha sección que tratará sobre a actualidade máis local, en que serán os propios veciños os que digan o que acontece na súa vila.

E, como non, volven tamén os personaxes máis típicos do ‘Malicia Noticias’: como pasaría o verán Cayetano por Sanxenxo? Todo isto e algunha sorpresa máis, de domingo a mércores na Televisión de Galicia.