CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Membros da organización frisoa DINGtiid visitan a CRTVG para recadar datos sobre a realidade sociolingüística galega

23/01/2020

Nesta viaxe de estudo, o órgano consultivo para o idioma frisón dos Países Baixos está a informarse do labor e función das institucións directamente implicadas na promoción e revitalización da lingua galega

Membros da organización frisoa DINGtiid visitan a CRTVG para recadar datos sobre a realidade sociolingüística galega

Santiago, 23.01.2020.-    Membros da organización frisoa (Países Baixos) DINGtiid visitaron este xoves a CRTVG, no marco dunha viaxe de estudo para recadar datos sobre a realidade sociolingüística de Galicia. Ademais dunha visita polas instalacións da Televisión de Galicia, guiados pola xefa de Responsabilidade Social e Asesoramento Linguístico, Marta Fernández, a Xefa de Contidos, Montse Besada, e xefa de Extensión Audiovisual, Alba Mancebo, este grupo coñeceu a organización da redacción de Informativos da canle pública.

Acompañados de Gregorio Ferreiro, asesor docente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coñeceron as instalacións da CRTVG os membros do comité executivo de DINGtiid Freddy Weima e Hedzer Klarenbeek; a asesora técnica e profesora da universidade de Groningen Anne Popkema; o responsable de comunicación, Froukje Sijtsma, e a secretaria da organización, Tjallien Kalsbeek.

DINGtiid é o órgano consultivo para idioma frisón dos Países Baixos, onde en 2014 se implementou unha lei para protexer e promover esta lingua. Esta delegación visita Galicia para informarse do labor e función dos principais organismos e institucións galegos máis directamente implicados no proceso de promoción e revitalización social da lingua galega. Para a delegación frisoa foi de grande importancia coñecer de primeira man o papel que os medios de comunicación públicos galegos representan neste labor, e tiveron especial interese en coñecer as iniciativas relacionadas coa lingua nas canles dixitais e redes sociais, como #instagal.

Ademais de visitar a CRTVG, a organización entrevistarase coa conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e cos presidentes ou directores de institucións como a Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega, o Consello da Cultura Galega e o Centro Autonómico de Innovación e Formación.