CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'María y los demás' e 'Dalia, a modista' reciben o maior número de candidaturas nos Mestre Mateo

07/02/2017

'María y los Demás' está proposta en 13 categorías, en tanto que ' Dalia, a modista' en 12 candidaturas

'Cen anos de perdón' e 'Serramoura' obtiveron oito propostas cada unha

 

'María y los demás' e 'Dalia, a modista' reciben o maior número de candidaturas nos Mestre Mateo

Santiago, 07.02.2017.- A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer as obras e artistas propostos para a XV edición dos premios Mestre Mateo, que cada ano revisan a produción audiovisual galega, nun acto celebrado na sede da Fundación SGAE en Compostela que estivo presentado pola actriz María Vázquez e o actor Federico Pérez, e no que tamén participou o presidente da AGA, Carlos Ares.

Tras a primeira rolda de votacións, a longametraxe 'María y los demás', en que participou a Televisión de Galicia, obtivo o maior número de propostas (13), entre elas as de mellor longametraxe, interpretación feminina protagonista, interpretación feminina de reparto, dirección e guión. 

A segunda produción máis proposta foi a serie de televisión 'Dalia, a Modista', recentemente emitida pola TVG, con 12, entre elas as de mellor serie de televisión, interpretación feminina protagonista, interpretación masculina de reparto, interpretación feminina de reparto, dirección e dirección de fotografía. Por número de candidaturas tamén destacan a serie de televisión 'Serramoura', que se emite os domingos na canle pública, e a longametraxe 'Cen anos de perdón', con oito candidaturas cada unha.

Os membros da AGA iniciarán agora unha segunda rolda de votacións para elixir os gañadores en cada unhas das 25 categorías. Os resultados daranse a coñecer na Gala dos premios Mestre Mateo que se celebrará o 4 de marzo no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña.

A listaxe de candidaturas desta XV edición dos premios estivo formado por 176 obras (5 longametraxes, 25 documentais, 10 series de televisión, 9 series web, 32 programas de televisión, 31 curtametraxes de imaxe real, 8 curtas de animación, 20 anuncios publicitarios e 36 videoclips), 171 produtoras e 498 profesionais, o que supuxo un incremento en relación ás edicións anteriores.