CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'María Solinha', película participada pola TVG, competirá este mes no Scandinavian International Film Festival 2020

05/08/2020

O filme de Ignacio Vilar intervirá, xunto con outras sete longametraxes, na sección oficial do certame finlandés, entre o 22 e o 26 de agosto

A lenda desta muller icónica chegará en agosto a unha corentena de localidades galegas con proxeccións ao aire libre e en formato autocine

'María Solinha', película participada pola TVG, competirá este mes no Scandinavian International Film Festival 2020

Santiago, 05.08.2020.-   A película ‘María Solinha’, producida por Vía Láctea Filmes e a TVG, foi seleccionada para competir na sección oficial do Scandinavian International Film Festival 2020 (SCIFF 2020), cita cultural de gran relevancia, que se celebra en Helsinki do 22 ao 26 de agosto. Tras gañar o mes pasado o seu primeiro gran premio internacional no Taormina Film Fest, de Sicilia, esta nova longametraxe de Ignacio Vilar competirá neste certame da cidade finlandesa con sete longametraxes do Reino Unido, Turquía, Ucraína, Bulgaria, Rusia, a República Checa e Finlandia.

Rodada e estreada en galego, a película narra como un afamado director chega a Cangas para reconstruír no teatro a historia de María Solinha, acusada de bruxería e queimada pola Inquisición no século XVII. A protagonista da obra soporta, no século XXI, acedos ecos da agresión que sufriu María Solinha no seu tempo. 

Durante o mes de agosto, ‘María Solinha’ continuará tamén coa súa xira por toda Galicia, ata o momento con grande éxito de acollida, e estrearase nun total de 38 localidades. Con motivo da pandemia, a cinta está exhibíndose ao aire libre e en formato autocine nun proxecto inédito que supón o lanzamento en primicia mundial dunha película galega nun cento de localidades medianas e pequenas, que non contan con salas de cinema comercial.

O filme de Vilar, que leva ao cinema a lenda dunha figura visionaria cuxo anhelo de liberdade a converteu en símbolo feminista, conta cun elenco encabezado por Grial Montes, Laura Míguez, Santi Prego, Antonio Durán ‘Morris’ e Mabel Rivera.