CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

María Solar presenta o seu novo libro: "A verdadeira historia da mosca da tele"

07/11/2012

Está dirixido a rapaces maiores de dez anos, narrado en primeira persoa e fala dunha mosca que traballa na televisión e cuxa función é amolar os presentadores

María Solar presenta o seu novo libro: "A verdadeira historia da mosca da tele"

Santiago, 07.11.2012.- Os lectores máis novos e ávidos de sorprendentes aventuras teñen xa nas rúas unha nova obra de María Solar, presentadora e coordinadora do espazo cultural “ZigZag Diario” da tvG2, presentada onte ao serán na librería Couceiro, en Santiago de Compostela. Baixo o título “A verdadeira historia da mosca da tele”, a xornalista propón “un libro moi ecolóxico e divertido”, segundo a propia autora.

“A verdadeira historia da mosca da tele” é unha historia orixinal e pouco particular, que, narrada en primeira persoa, fala dunha mosca que traballa nos estudios de gravación dunha televisión en Galicia, tendo como función principal amolar os presentadores. Por unha casualidade, a protagonista viaxará ata unha televisión do Caribe. “Trátase dunha mosca moi glamourosa que sofre un rapto por un señor calvo, que puxo o sombreiro xusto cando a mosca lle estaba a zugar o suor da cabeza”, explica María Solar.  A partir de aí á presumida mosca aconteceranlle toda unha serie de peripecias e aventuras que compartirá con outros moitos insectos. 

Editada por Galaxia, María Solar estivo onte acompañada no acto de presentación do libro polo editor Francisco Castro e polo actor e director teatral, Quico Cadaval. “A verdadeira historia da mosca da tele”, libro da colección Árbore dirixido a rapaces maiores de dez anos, vén sumarse a outros títulos, como “Vou ter un irmán”, “O fillo do Pintamonas”, “O tempo do revés” e “Boa Sorte”, da súa xa prolífica faceta como escritora.

Nun ateigado acto, Quico Cadaval ofreceu un interesante e divertido monólogo arredor das moscas, sobre o xeito correcto de cazalas e o seu significado na literatura universal. A autora, pola súa banda, explicou a orixe primeira da historia, xurdida da experiencia coas "profesionais moscas dos platós da tele, que se poñen en movemento cando comezamos a gravar", sinalou.

María Solar está licenciada en Xornalismo e Bioloxía, ademais de ser diplomada en Maxisterio e ter o título de Especialista en Información Ecolóxica e Ambiental. A súa actividade profesional sempre se centrou no xornalismo e ten unha longa traxectoria en radio e televisión. Na Radio Galega presentou e dirixiu durante oito anos o magacine “As Tardes da Galega” e na TVG presentou diversos programas como “Ciencianosa”, “En Pé de Festa” ou “Arrampla con Todo”, entre outros.

Na foto superior, Quico Cadaval e María Solar, onte no acto de presentación do novo libro da xornalista.

Galería de imaxes