CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

María Solar presenta a súa nova obra dirixida ao público infantil e xuvenil, "As meigas de Lupa"

22/06/2012

A popular presentadora da TVG propón con esta novela de intriga unha trepidante viaxe no tempo á Galicia castrexa do primeiro século

 

A escritora salientou que “estaba condenada a escribir este libro”, xa que foi educada entre mitos e lendas que lle contaba súa nai

María Solar presenta a súa nova obra dirixida ao público infantil e xuvenil, "As meigas de Lupa"

Santiago, 22.06.2012.-       A presentadora e coordinadora do espazo cultural da tvG2 “Zigzag Diario”, María Solar, presentou onte a súa nova obra infantil-xuvenil, “As meigas de Lupa”, unha emocionante novela de intriga no século XXI publicada por Xerais dentro da colección “Fóra de Xogo”. O acto tivo lugar na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago, onde Solar estivo acompañada polo arqueólogo Xurxo Ayán; o director de Xerais, Manuel Bragado; e o cantante Fran Pérez “Narf”.

Con “As meigas de Lupa”, a popular presentadora da Televisión de Galicia propón unha trepidante viaxe no tempo á Galicia castrexa do primeiro século, cando chegaron aos territorios da raíña Lupa uns estranxeiros que traían o corpo do Apóstolo Santiago desde a afastada Palestina. O libro agocha a historia dun segredo milenario, gardado xeración tras xeración, que pasou de bocas a oídos, unha e outra vez, e que nunca se contou a quen non era merecedor de sabelo.

No seu discurso, María Solar confesou que “estaba condenada a escribir este libro”, xa que foi educada entre mitos e lendas que lle contaba súa nai, polo que quixo transmitir “esa riqueza tremenda da tradición”. A escritora explicou a xénese da obra e destacou tamén o esforzo de documentación realizado na reconstrución minuciosa da vida nos castros.

Pola súa parte, Xurxo Ayán salientou que o libro “ponlle faciana ao noso pasado, xa que, mesturando cultura e mito, sabemos como se vivía aquí hai dous mil anos”. O arqueólogo destacou tamén “o carácter de servizo público deste relato de lectura sinxela e engaiolante, mais de construción narrativa complexa”.

María Solar, licenciada en Xornalismo e en Bioloxía e diplomada en Maxisterio, conta cunha ampla traxectoria profesional na TVG e na Radio Galega, onde presentou moitos e moi variados espazos. A súa faceta como escritora está dirixida fundamentalmente ao público infantil e xuvenil, para o que ten publicado libros como “Vou ter un irmán”, “O fillo do Pintamonas”, “O tempo do revés” e “Boa Sorte”.

Fotos do acto cedidas por Luís Gayol

Galería de imaxes