CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

María Canosa, nova colaboradora de "Cifras e Letras": "Gústanme tanto as ciencias coma as letras, a técnica aliméntame a cabeza e a literatura, o corazón"

20/09/2011

Despois do seu debut no concurso da TVG, a enxeñeira e escritora ceense móstrase moi ilusionada coa experiencia: “Era unha oportunidade para facer algo diferente
e non podía desaproveitala”

O seu obxectivo na súa primeira aventura televisiva será “achegarme con naturalidade á audiencia para que, dun xeito sinxelo e divertido, amplíe os seus coñecementos sobre as matemáticas e a lingua galega"

María Canosa, nova colaboradora de "Cifras e Letras": "Gústanme tanto as ciencias coma as letras, a técnica aliméntame a cabeza e a literatura, o corazón"

Santiago, 20.09.2011.-      Despois da despedida onte de Yolanda Castaño, que a partir de agora se centrará na súa faceta literaria, o programa “Cifras e Letras” viviu hoxe outro momento cume da súa nova temporada acabada de estrear: a chegada de María Canosa, a colaboradora que a partir de agora xulgará os concursantes no eido das letras e sentará ao carón do científico Jorge Mira, que continuará sendo o encargado das cifras.

Esta enxeñeira de camiños, canles e portos, natural de Cee, é coñecida pola súa faceta literaria, con obras dirixidas principalmente ao público infantil e xuvenil e con algunha incursión na poesía. Canosa, gañadora de diversos premios literarios, é autora de libros como “Ronca o Mar”, “O papaventos de Laura” e “O Derradeiro Adeus”.

A pesar de traballar nunha oficina de enxeñería na Coruña e ter unha formación eminentemente técnica, María Canosa ocuparase en “Cifras e Letras” dun terreo que a apaixona. “Gústame estar neste programa porque sempre me atraeron tanto as ciencias como as letras e intentei compaxinar as dúas facetas na miña vida. A técnica aliméntame a cabeza e a literatura o corazón”, explica.

O novo rostro feminino de “Cifras e Letras”, aínda un pouco descolocada pola súa chegada á televisión, un medio descoñecido ata agora para ela, asegura que a súa elección para recoller o testemuño de Yolanda Castaño foi toda unha sorpresa e un afago. “Cando mo propuxeron pensei que era unha broma e que non me ían chamar a min. Dixen que non sen pensalo, xa que era unha oportunidade para facer algo novo e diferente e non podía desaproveitala”.

Consciente da dificultade de ocupar o lugar dunha persoa tan coñecida e querida para os espectadores da TVG como Yolanda Castaño, quen estivo durante case seis anos no concurso, María aclara que “en ningún momento pretendo substituír a Yolanda porque é insubstituíble, pero si sucedela”. A súa fórmula para conseguilo será, tal e como lle aconsellou a súa predecesora, ser natural e “achegarme con naturalidade á audiencia para que lle perda o medo tanto aos números como ás letras e, dun xeito divertido e sinxelo, amplíe os seus coñecementos sobre as matemáticas e a lingua galega”.

Instantes despois do seu debut en televisión, María Canosa móstrase encantada con esta nova experiencia e, sobre todo, cos seus compañeiros. “Estou ilusionadísima co programa, xa que o equipo é magnífico, case como unha familia, e estou a aprender moitísimo”. Con respecto ao seu “compañeiro de pupitre”, Jorge Mira, asegura que “nos primeiros momentos arroupoume moito, facilitoume moito as cousas e creo que nos afixemos deseguida o un ao outro”.

Así pois, a audiencia terá que estar atenta, xa que a relación destes novos compañeiros promete, como tamén promete a participación e a achega de María Canosa a un programa que, outra vez baixo a batuta de Paco Lodeiro e despois de case seis anos de andaina e de máis dun milleiro de tardes acompañando os telespectadores, continúa disposto a seguir enchendo de emoción e de interese as sobremesas da Televisión de Galicia.

Galería de imaxes