CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

“Mar Libre” acada un novo premio á Mellor Serie de TV no Euro Filme Festival de Marbella

10/11/2011

Dirixida por Dani de la Torre, esta miniserie coproducida por TVG e Ficción Producciones segue acumulando galardóns

“Mar Libre” acada un novo premio á Mellor Serie de TV no Euro Filme Festival de Marbella


Santiago, 10.11.2011.-  A miniserie “Mar Libre”, producida por Ficción Producciones e Televisión de Galicia e que contou con axuda da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, vén de sumar un novo galardón ao seu xa destacado palmarés. Dirixida por Dani de la Torre, nesta ocasión “Mar Libre” recibirá o 26 de novembro próximo o Premio á Mellor Serie, no marco do Festival Europeo de Cinema que se celebra en Marbella, o Euro Filme Festival, e que este ano homenaxea a traxectoria profesional do actor de orixe cubana Andy García. Ademais entregaranse o Premio á Mellor Produtora Europea, ao Desexo, dos irmáns Almodóvar, e o Premio de Honra Euro Film, ao actor de orixe galega, Sancho Gracia.

 “Mar Libre”, unha historia épica, con amor e aventuras no marco incomparable da Costa da Morte, é unha miniserie de dous capítulos gravada en alta definición e fotografada integramente en escenarios naturais. Esta é a primeira serie galega en abordar a temática da industria que xerou o proceso de salgadura do peixe en Galicia no século XVIII, con todo o que este marcou a idiosincrasia, a economía e as relacións sociais na costa galega. O xurado do Euro Filme Festival de Marbella non o tivo fácil á hora de outorgar o premio, pois a competencia foi importante, o que con todo, non evitou que “Mar Libre” sume un novo recoñecemento á súa longa lista xa nos certames de ámbito internacional, entre os que destacan os galardóns obtidos nos festivais de cinema de Chicago e Houston. 

 O Festival Europeo de Cinema de Marbella é a gran gala do cinema e o punto de encontro para produtoras e os profesionais do mundo da sétima arte cun interese común: a difusión da cultura a través de obras cinematográficas. Euro Filme Festival aposta decididamente polo cinema, apoiando este sector da comunicación a través duns premios que permitan ás mellores películas ser recoñecidas como pezas de gran valor cultural e social.

 Este novo premio reafirma a posición de “Mar Libre” nos ámbitos europeo e internacional como un dos grandes da cinematografía, outorgando neste caso ás empresas produtoras, Ficción Producións e TVG, un maior peso e prestixio profesional. A Gala de entrega de premios do Euro Filme Festival será o 26 de novembro no Gran Teatro de Marbella.