CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Manuela, de 'A Estiba', comeza a súa vida fóra da policía investigando unha morte misteriosa

12/01/2020

En medio dunha descarga de droga, Rosalía alerta a César dunha trampa

Manuela, de 'A Estiba', comeza a súa vida fóra da policía investigando unha morte misteriosa

Santiago, 12.01.2020.-    Os seguidores de ‘A Estiba’ (22.30 h) verán hoxe como tras a súa dimisión, Manuela intenta lidar coa súa nova vida fóra da policía. Aproveitando a situación, Rosalía pídelle que investigue a misteriosa morte de Tomás Salgado, o antigo xefe de Recursos Humanos da construtora. Rosalía non é a única interesada nesa historia: Amalia, a xornalista, aínda está na cidade e tamén sospeita que esa morte agocha un asunto turbio relacionado con Lionel.

Refuxiada na casa das Fortes, Amalia fala dun correo electrónico que podería incriminar a Lionel. Rosalía búscao, pero o único que logra é poñer en alerta o seu xefe. Mentres tanto, Manuela pídelle axuda extra oficial a Kubala, poñéndoo nun compromiso cando Sofía se decata.

Ao mesmo tempo, Antón segue traballando para Covas, que organiza unha descarga de droga en que César ser verá na obriga de colaborar. En realidade, trátase dunha trampa para provocar a detención do maior dos Longueira. Algo que, por casualidade, chega a oídos de Rosalía. A pesar do rancor que lle garda polo sucedido co seu pai, Rosalía decide alertar a César. Unha pequena aventura que os une de novo.

Pola súa parte, a súbita desaparición de Sara preocupa a Mercedes, que comeza a sospeitar que Miguel está ocultando algo. Entre tanto, Covas pídelle a Antón que se desfaga dun coche. Cando está a piques de facelo, Antón descobre no maleteiro o cadáver de Sara.