CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Manu Tenorio e María do Ceo están convidados hoxe á velada musical de 'Bamboleo'

09/11/2019

O programa presentado por Lucía Regueiro (21.55 h) tamén contará coa presenza da orquestra Finisterre

Manu Tenorio e María do Ceo están convidados hoxe á velada musical de 'Bamboleo'

Santiago, 09.11.2019.-   ‘Bamboleo’, o programa de entretemento dos sábados á noite na Televisión de Galicia, recibe esta semana a visita do cantante andaluz Manu Tenorio, que lles presentará aos espectadores galegos o seu novo disco, ‘Nosotros en la noche’, cheo de matices e atmosferas diferentes, con momentos fondos e introspectivos acompañados doutros divertidos e alegres. O álbum mestura diversos estilos non habituais en Manu Tenorio, xa que se funden toques electrónicos con guitarras funky, sen deixar de lado o seu irresistible romanticismo.

Tamén está convidada a esta velada musical María do Ceo, unha artista de traxectoria única en que se funde a melancolía do portugués coa dozura do galego. A cantante presentará temas do seu novo disco, ‘A Fadista’, en que o fado e a música galega volven convivir nun espazo emocional onde as texturas sonoras expresan sentimentos compartidos pola melancolía.

Cun elenco de colaboradores que se apoderarán do escenario, o espazo presentado por Lucía Regueiro tamén contará esta noite coa presenza da orquestra Finisterre.

Nas seccións habituais do programa, ‘Agora ou Nunca’ amosará o potencial artístico de Mónica Lodeiro, co tema ‘Querer y perder’, de Trébol, e de Rafael Crooner, que interpretará ‘El mundo’, de Sergio Dalma.

Coma sempre, ‘Bamboleo’ ofrecerá tamén as seccións ‘A ITV do amor’, onde un concursante terá que adiviñar cal é a verdadeira parella dunha persoa a partir de certas probas; ‘A Jrileira’, onde José Daniel e Diego se enfrontarán ao karaoke coa canción ‘Experiencia religiosa’, de Enrique Iglesias, e ‘Dirtidansi’, en que a parella composta por José e María bailará salsa.