CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Comeza na provincia de Lugo a segunda fase para resintonizar os televisores e modificar as antenas colectivas

11/11/2019

Lugo foi a primeira provincia galega en afrontar este proceso de resintonización, que afecta a maioría de canles, entre elas a Televisión de Galicia

É preciso cambiar as instalacións comunitarias, para o que haberá axudas do Goberno. As vivendas  individuais non precisan facer cambios na antena pero si resintonizar os televisores

 

 

Comeza na provincia de Lugo a segunda fase para resintonizar os televisores e modificar as antenas colectivas

Santiago, 11.11.2019.- Esta semana iníciase en varias comarcas da provincia de Lugo o cambio de frecuencias da televisión dixital terrestre (TDT) en Galicia que afectan a resintonización da Televisión de Galicia, na segunda fase da adaptación ao chamado Segundo Dividendo Dixital. Estes concellos son Becerreá, Cervantes, Baleira, Baralla, Guitiriz, Aranga, Begonte, Friol, Castro de Rei, Quiroga, Ribas de Sil, Bóveda, Monterroso, Taboada, Antas de Ulla, Palas de Rei, Guntín, Vilalba, Abadín, Muras, Pastoriza, Outeiro de Rei, A Fonsagrada e Xermade. Tamén, nos concellos coruñeses de Arzúa, Curtis, Melide, Mañón, Sobrado dos Monxes e Oza dos Ríos.
    
A adaptación ao chamado Segundo Dividendo Dixital non se fai dunha vez, xa que na  provincia de Lugo aínda quedan tres meses para facer os cambios nas antenas dos edificios: é preciso cambiar as instalacións comunitarias, non as das vivendas individuais, e isto ten que ser feito por un instalador autorizado. Non hai que facer cambios na antena colectiva nin nos cables do edificio, os cambios son na central programable ou nos amplificadores monocanles, dependendo do sistema de cada edificio.

As vivendas individuais tamén se ven afectadas e nelas haberá que resintonizar os televisores, aínda que non precisen facer ningunha modificación técnica.

No proceso de resintonización, lémbrase que as dúas canles de CRTVG están xa en alta definición, o que se distingue porque levan estas letras, HD, ao lado do logo na pantalla.

Reaxuste de frecuencias, desde o 19 de novembro, con cortes de sinal

Ademais, o 19 de novembro iniciaranse as actuacións de reaxuste de frecuencias, que implican un breve corte no sinal, duns 15 ou 20 minutos aproximadamente, tras o que haberá que resintonizar os televisores. O día 19 de novembro terán lugar en Mondoñedo, Lourenzá e Riotorto; o día 21 en Valadouro e Alfoz; o 26, en A Pontenova; o 27 en Baralla, Pedrafita do Cebreiro, Becerreá, Friol, Castro de Rei, e Outeiro de Rei; o día 28 en Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, Becerreá e Cervantes; o 2 de decembro en A Fonsagrada; e o 9 de decembro en Cervantes e nos municipios coruñeses de Lousame, Porto do Son, e Fisterra.

A adaptación ao chamado Segundo Dividendo Dixital é un proceso que está desprazando en todo o país as canles de televisión e radio situadas onde están agora para permitir o despregamento das futuras redes 5G de comunicacións, o que require a modificación das instalacións de recepción de TV. Durante a fase de adaptación, as canles de televisión emitirán simultaneamente a través das novas frecuencias e das antigas, durante medio ano, e despois apagaranse as frecuencias vellas.

Axudas do Goberno central para afrontar o custo

Para facilitar o proceso, o Goberno de España dispón de 145 millóns de euros, que xestionará a empresa pública Red.es, para axudar a compensar o custo da adaptación en cada edificio. As solicitudes poden presentarse ata o 30 de setembro de 2020, unha vez feita a adaptación das instalacións de recepción do sinal de TDT. As axudas oscilan entre os 104 e 677 euros, en función dos casos, e será necesario presentar a factura e o boletín de instalación, xa que só se xestionarán axudas para as actuacións feitas por empresas instaladoras do Rexistro de Instaladores de Telecomunicacións da Secretaría de Estado para o Avance Dixital (SEAD).

Máis información:  www.televisiondigital.es en hd.crtvg.gal  e nos  teléfonos: 901 201 004 e 910 889 879