CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Luz Casal, Bertín Osborne, Soraya, Efecto Mariposa e Carlos Jean porán a música na 'Gala do cocido', que esta noite ofrece en directo a TVG

14/02/2020

Roi Méndez, Ricky Merino, Treixadura, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e as orquestras Compostela e Ciclomanía tamén estarán no escenario do Lalín Arena, onde se entregarán os Premios de Gastronomía de Galicia

Luz Casal, Bertín Osborne, Soraya, Efecto Mariposa e Carlos Jean porán a música na 'Gala do cocido', que esta noite ofrece en directo a TVG

Santiago, 14.02.2020.-  A TVG ofrecerá este venres en directo, desde o Lalín Arena, a Gala de Gastronomía de Galicia, coñecida popularmente como a 'Gala do cocido' (22.00 h), un dos actos destacados dunha cita culinaria que o domingo celebra a súa 52ª edición.

No transcurso desta edición especial do programa ‘Luar’, presentada por Xosé Ramón Gayoso, Beatriz Serén e Patricia Fernández Santana, entregaranse os Premios de Gastronomía de Galicia e o Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, que recoñecen profesionais e empresas do mundo da gastronomía e mais os mellores traballos de difusión neste ámbito.

Ademais, a velada da Televisión de Galicia deparará un grande espectáculo musical, cunha ampla nómina de artistas, en que figuran intérpretes tan populares como Luz Casal e Bertín Osborne e grupos que acreditan unha contrastada traxectoria no campo da música tradicional, como é o caso de Treixadura e Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.

Polo escenario tamén pasarán a cantante estremeña de pop-dance Soraya, que interpretará algúns dos seus últimos éxitos; o grupo Efecto Mariposa, que popularizou ao longo da súa carreira cancións como 'Por quererte' ou 'No me crees', e o produtor e cantante galego Carlos Jean.

Os máis novos poderán gozar coas actuacións de dous dos participantes da edición de 2017 de 'Operación Triunfo': o compostelán Roi Méndez e o mallorquino Ricky Merino. As mellores orquestras do país tamén están convidadas nesta noite tan especial, coa presenza das orquestras Compostela e Ciclomanía.

Ademais, as agrupacións musicais de Lalín terán un protagonismo destacado nesta edición da Gala do Cocido, que ofrecerá as actuacións da escola de danza Scene Ballet, do grupo de baile e música tradicional A Carballeira de Cercio, do grupo dezán De Perdidos al Trío, que interpreta clásicos populares, e da formación Son Lalín, que interpretará a famosa 'Muiñeira de Chantada'.