CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Lucía Freitas, José Tubío e Estíbaliz Espinosa súmanse á programación de verán da Radio Galega

20/06/2022

A emisora pública ofrecerá contidos esencialmente de directo, coa incorporación de novos colaboradores como a cociñeira Lucía Freitas, o científico Jose Tubío e o experto en toponimia Fernando Cabeza, no ‘Galicia por diante’

O ‘Diario cultural’ contará coas voces expertas do filólogo e experto en toponomía Vicente Feijoo e a escritora Estíbaliz Espinosa

Lucía Freitas, José Tubío e Estíbaliz Espinosa súmanse á programación de verán da Radio Galega

Santiago, 20.06.2022.-  A Radio Galega arranca este luns 20 de xuño a súa programación de verán, que estará marcada por novas voces e pola volta dos micrófonos á rúa. Despois de dous veráns con restricións, a Radio Galega sairá a percorrer toda Galicia cos seus micrófonos. Estará nos eventos musicais máis importantes do verán, nos eventos deportivos, culturais, con toda a información e todo o entretemento que promete este verán de 2022.
 
O buque insignia informativo das mañás, o magazine diario ‘Galicia por diante’, suma máis voces de luxo, como a cociñeira Lucía Freitas, o científico Jose Tubío e o experto en toponimia Fernando Cabeza. #Cultura365 non para no verán, o ‘Diario Cultural’ seguirá emitíndose en dúas edicións (ás 10:30 e ás 14:30 horas) para achegar toda a actualidade do mundo da cultura nestes meses, e vén tamén con voces e caras novas: experto en toponimia e divulgador Vicente Feijoo, coordinador do seminario de Toponimia da RAG, e a escritora Estíbaliz Espinosa.

‘A tarde’ manterá o seu formato no horario de 16.00 a 19.00 h, para abrir as portas da radio a todos os areais e eventos de Galicia. Os programas deportivos ‘Zona Mixta’ e ‘Ao Contraataque’ tampouco paran durante o verán para contar todas as novidades dos deportistas galegos, torneos de verán, mercado de fichaxes... Nas madrugadas, o humorista Isi e o músico Manuel de Andrade, este nas noites da fin de semana, póñense aos mandos do ‘Pensando en Ti’, o programa líder das noites en Galicia, que estes meses de verán se emitirá todos os días da semana de 01:00 a 06:00.

Ademais, desde esta semana, a radionovela ‘Os pobres si que choran’ regresa á grella da Radio Galega cun total de 250 capítulos, duns 7 minutos de duración cada un. Poderá poderán escoitarse de novo na emisora pública cada sábado (12.00–13.00 h.) e, tamén a calquera hora, en RadioGalegaPodcast.gal, proxecto que segue sumando novos contidos e podcasts nativos dixitais á marxe dos patróns horarios da radio e coa vontade de alcanzar diferentes públicos niño.

Nas fins de semana, descansa o ‘Galicia en Goles’ ata un pouco antes de que comecen as competicións ligueiras a mediados de agosto. Neste espazo que deixa o  programa decano do deporte en Galicia, a Radio Galega emitirá os agardados ‘Fondos Reservados’ de Moncho Lemos, todo un clásico da programación estival. Tamén terán  cabida nesas horas o humor do ‘Como que non?’ e o programa ‘Consellería do Ritmo’,  toda unha declaración de estilo do rock e pop galegos. Todo isto e moito máis na sintonía da Radio Galega, en radiogalegapodcast.gal e en diariocultural.gal.