CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Luar' gozará da arte flamenca de Niña Pastori, que interpretará os seus últimos temas

07/12/2018

O cantante Raúl será outra das atraccións do programa, que tamén contará coa presenza de María Mera e do grupo La banda del capitán inhumano

'Luar' gozará da arte flamenca de Niña Pastori, que interpretará os seus últimos temas

Xosé R. Gayoso e Patricia Fernández  acudirán como todos os venres á súa cita cos espectadores da TVG, nun novo programa de 'Luar'. No espazo de hoxe cóntase cunha variada proposta de contidos, en que, coma sempre, destacan as actuacións musicais.

Niña Pastori será a principal atracción da noite, considerada unha das representantes máis coñecidas do flamenco español. A andaluza interpretará dous tema do álbum que presentou este ano, que ten por nome 'Bajo tus alas'. As cancións coas que animará a público e espectadores serán 'La habitación' e 'La mudanza'.

Outra das caras máis recoñecibles será o cantante Raúl, que saltou á fama ca célebre canción do verán 'Sueño tu boca'. Case 20 anos despois segue estando de moda e no programa desta noite interpretará dous dos seus temas máis recentes, 'Me hace falta tu amor' e 'Quisiera que me quisieras'.

Afastada do eido musical, hoxe estará no programa a actriz María Mera, que acompañará os presentadores mentres descobren os incribles traballos dunha maquilladora de bandullos.

Durante a noite tamén haberá oco para a música tradicional, coa participación da Banda de Música Municipal de Valga, de Rondalla O Castro, Coral Cantigas do Castro e de Fanfarria Furruxa. Nun ton moito máis moderno actuarán La banda del capitán inhumano,  a orquesta Finisterre e Sito Sedes, que interpretará 'Perfidia'.

A maiores, 'Luar' tamén terá espazo para o humor, coa actuación dos humoristas Brandariz e Veiga na súa peculiar interpretación do kamasutra. Ademais, dentro  do certame 'Recantos', enfrontaranse Alberte Suárez, chegado dende Ourense, e Dolores Tasende, dende A Coruña.