CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Luar' despide temporada coas actuacións de Marta Sánchez, Guadi Galego e as orquestras Los Satélites e El Combo Dominicano

31/07/2020

Esta noite tamén (22.05 h) pasarán polo escenario as cantantes Tania Veiras e Fátima Pego, o grupo Plan Siberia e a banda de gaitas Os Viqueiras de Ordes, entre outros artistas

'Luar' despide temporada coas actuacións de Marta Sánchez, Guadi Galego e as orquestras Los Satélites e El Combo Dominicano

Santiago, 31.07.2020.-    Despois dunha atípica temporada, marcada pola crise do coronavirus, o programa ‘Luar’ despídese hoxe ata o mes de setembro. No último programa antes das vacacións, o espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Beatriz Serén contará coa presenza dunha das mellores voces deste país e unha das grandes estrelas da música pop española, Marta Sánchez. A cantante galega leva tres décadas enriba dos escenarios e a súa música será protagonista neste último ‘Luar’ da temporada.

Outra das convidadas será Guadi Galego, unha das artistas máis destacadas do panorama musical galego, que se acompañará de colaboradores como Álex Insua e Pablo e Pedro Pascual nas súas actuacións desta noite. A cantante cedeirense interpretará temas de ‘Inmersión’, o sexto disco da súa carreira en solitario, que supón unha reinterpretación da súa música, con cancións doutras épocas que exploran diferentes territorios musicais e coa colaboración de grandes artistas.

O espazo da TVG recibirá tamén a dúas das orquestras máis importantes do país: Los Satélites, unha das formacións con máis historia e tradición de Galicia, e El Combo Dominicano, todo un fenómeno de masas, especialmente entre a mocidade galega. A verbena galega tamén estará representada este venres en dúas das súas mellores voces: as cantantes Tania Veiras e Fátima Pego.

Ademais, esta noite pasarán polo escenario de ‘Luar’ o grupo Plan Siberia, a drag pandeireteira Meiga-i, a banda de gaitas Os Viqueiras de Ordes e o grupo de baile e música tradicional Sadeo.