CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Luar' comeza unha nova temporada, a 28ª, coas actuacións de Jon Secada e Ángela Carrasco

13/09/2019

Nesta etapa, que chega cargada de sorpresas, Gayoso estará acompañado pola presentadora Beatriz Serén e porase en marcha unha edición especial de ‘Recantos’, cos concursantes máis destacados dos anos anteriores (22.00 h.)

'Luar' comeza unha nova temporada, a 28ª, coas actuacións de Jon Secada e Ángela Carrasco

Santiago, 13.09.2019.-    ‘Luar’, un dos programas máis queridos pola audiencia galega, regresa esta noite á Televisión de Galicia cunha chea de novas propostas, sorpresas e un elenco de artistas de primeira liña. O espazo de entretemento máis lonxevo da historia da televisión en España comeza este venres 13 a súa 28ª temporada cunha edición dedicada ás supersticións.

Tras un breve e necesario descanso, Xosé Ramón Gayoso retoma o seu entusiasmo á fronte do experimentado equipo de ‘Luar’. Nesta ocasión, estará acompañado por unha nova copresentadora, que cada venres lle achegará frescura e espontaneidade ao programa: Beatriz Serén, unha cara xa coñecida polos espectadores da Televisión de Galicia durante este verán, en que estivo como reporteira no ‘Adiviña quen vén esta tarde’.

Patricia Fernández Santana, a presentadora que acompañou a Gayoso na temporada pasada non se despide da familia de ‘Luar’, xa que pasará a ocuparse do concurso ‘Recantos’, que hoxe comeza unha nova edición, a décima, bautizada como ‘Recantos de ouro’. Nela participarán concursantes destacados de anteriores edicións, moitos deles finalistas e mesmo gañadores. Como novidade na mecánica do concurso nesta temporada, ademais de interpretar un tema en solitario, os aspirantes cantarán outro a dúo, que tamén será valorado polo xurado.

A audiencia coñecerá os novos 21 aspirantes que loitarán por facerse co premio do programa. Hoxe abren a competición Maite, representante da comarca Noia - O Barbanza, e José Barrán, de Galicia centro.

Fiel ao seu compromiso coa música, en todas as súas vertentes e estilos, desde a popular á máis actual, predominando sempre os artistas que cantan en galego, ‘Luar’ tenlle preparado á audiencia no seu arranque de temporada todo un elenco de altura. Para comezar, o programa recibirá a visita co cantautor cubano-estadounidense Jon Secada, con máis de 20 anos de carreira e máis de 20 millóns de álbums vendidos. O artista interpretará ‘Otro día más sin verte’, o hit co que alcanzou o éxito mundial, e ‘Por si no vuelves’, tema que lanza precisamente hoxe e para o que contou coa colaboración da cantante Soraya Arnelas.

O espazo da TVG tamén ofrecerá a actuación da cantante dominicana Ángela Carrasco, unha das mellores voces da canción en español e unha das divas de América Latina durante os anos 70 e 80.

Polo escenario tamén pasará o grupo Los Jinetes del Trópico, que continúa apostando nas súas festivas cancións por unha mestizaxe músico-cultural entre ritmos caribeños e retratos da actual sociedade galega. Esta noite presentarán o seu último tema: ‘Namoreime dunha pulpeira’.

O cartel musical desta noite complétase coas actuacións do polifacético Alberto Cunha, da orquestra Gran Parada, do Coro Cántigas e Frores, do grupo Os Escaravellos, da Asociación Folclórica Penaguda de Dena, da agrupación Airiños do Mar de Teis e da Asociación Cultural Rosalía de Castro.

Ademais da presenza destes artistas, dedicarase un espazo a lembrar a Camilo Sesto, en especial o seu paso por ‘Luar’.