CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Larpeiros Social Club' adéntrase na cociña de vilas galegas con encanto, como Becerreá, Sarria e Lalín

14/01/2020

No variado menú de hoxe proporanse berenxenas recheas de bacallau con queixo do país, costela de vaca glaseada con guiso de patacas, boletos e castañas, e, de sobremesa, leite frito e flan caseiro con salsa de froitos vermellos

'Larpeiros Social Club' adéntrase na cociña de vilas galegas con encanto, como Becerreá, Sarria e Lalín

Santiago, 14.01.2020.-  En Galicia aínda hai unha boa chea de vilas non moi grandes, en que o encanto do pequeno aínda se pode atopar con facilidade: nas súas tendas, nas xentes e nos seus costumes. Nótase no aire que hai grandes historias que aínda non foron contadas.

Por iso, hoxe 'Larpeiros Social Club' (22.30 h) achegarase con Adrián ata Becerreá, para asistir a unha feira de gando e mercar un queixo -deses co sabor do auténtico-, e Manolo irá aprender en Sarria como se fai un pan con máis de 140 anos de historia. Mentres, no Club, un larpeiro de Lalín fará as delicias de todos cociñando costela de vaca, guisadiña con calma e chup chup media mañá, para logo darlle o toque final no forno.

Como preludio deste prato, Benigno sacará do peto unha das súas receitas máis infalibles, sinxelas e cheas de sabor: unhas berenxenas recheas de migas de bacallau e queixo do país.

Como non pode haber comida sen sobremesa, Merchi dará unha lección de arte e oficio facendo uns flans caseiros cheos de recendos a tradición pero cun aire distinto, co selo inconfundible da larpeira do programa. E por se isto fose pouco, asistirán a comer algúns dos membros de A Roda... Así que música non vai faltar, como tampouco faltarán vilas con nome de conto, vacas e becerros nun día de feira, perolas moi larpeiras e músicas das que máis gustan.