CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Land Rober Tunai Show' da TVG, primeiro programa de España en directo en crear un club no metaverso

15/02/2023

A audiencia poderá interactuar no estudo do programa no metaverso e ter acceso permanente a contidos exclusivos, sorpresas e sorteos

A Televisión de Galicia foi tamén pioneira en España en aplicar o formato de slow tv, no 2017, ou en ter un espazo, ‘Un país en 360’, que incorporaba a estereoscopía e os 360º nun concepto multiplataforma que se emitiu tamén por YouTube

'Land Rober Tunai Show' da TVG, primeiro programa de España en directo en crear un club no metaverso

Santiago, 15.02.2023.- A Televisión de Galicia e os seus espazos seguen a innovar. Por primeira vez en España un programa de televisión crea un club no metaverso no que poderá participar en directo a audiencia. Na emisión do ‘Land Rober Tunai Show’ da Televisión de Galicia deste xoves, no seu programa 300, os espectadores poderán acceder a un código QR que aparecerá na pantalla para, cubrindo un pequeno formulario, converterse en socios deste pioneiro club que os leva directos ao metaverso do ‘Land Rober’, co que o mundo virtual se fusiona co real nun clic. 

No universo paralelo, os seguidores do programa poderán interactuar coa versión virtual de Roberto Vilar, Eva Iglesias, Miguel Canalejo e demais caras coñecidas do espazo do prime time da TVG. Alí terán acceso a contido exclusivo, poderán conseguir agasallos e estarán en contacto con outros fans do programa cos que compartir impresións sobre os seus contidos favoritos. 

Deste xeito, a Televisión de Galicia volve ser pioneira no uso das novas tecnoloxías e dá un paso máis cara o futuro creando un espazo diferente e moderno con cabida para todo tipo de sorpresas. O ‘Land Rober’ quere premiar a fidelidade do público durante todos estes anos e ampliar os espazos onde poder escoitalo e compartir risas e experiencias. A creación do Club de Land Rober é unha das moitas sorpresas que prepara esta noite o equipo do espazo para celebrar o programa 300. 

 

Innovación en formatos e canles

Xa no 2017, a CRTVG lanzou a primeira grande experiencia en España da chamada slow TV ou, na súa versión galega, televisión amodiño co proxecto 'Destino Santiago'. Con el, os medios públicos emitiron máis de doce horas diarias e ininterrompidas de programación en streaming, cubrindo distintas etapas do Camiño Francés a Santiago.

Dous anos máis tarde, no 2019, TVG adiantouse outra vez coa estrea de ‘Un país en 360’, programa que incorporaba a estereoscopía e os 360º nun concepto multiplataforma e pioneiro en España. O espazo ofrecía pezas para ser vistas en 360º combinadas con estereoscopía na canle de YouTube da TVG a través de lentes 3D, e de forma realizada sobre o 360º na emisión en TDT.

E de novo, en maio de 2021, a TVG converteuse na primeira canle autonómica, e unha das primeiras televisión xeneralistas de España, en emitir o seu sinal a través de YouTube, as 24 horas do día e todos os días da semana en directo.