CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Kiko Novoa e Marcial Mouzo intercambian, por un día, os seus programas da Radio Galega

12/02/2020

Os presentadores do Galicia por diante e do Pensando en ti  farán fronte, co sentido do humor que os caracteriza, ao cambio de rexistro de cada espazo

Os micrófonos da RG estarán máis abertos que nunca esta xornada á participación dos oíntes, e recollerán as súas dedicatorias ao longo de toda a programación

Kiko Novoa e Marcial Mouzo intercambian, por un día, os seus programas da Radio Galega

Santiago, 12.02.2020.-  A emisora pública galega súmase este xoves á conmemoración do Día Mundial da Radio cunha programación especial. Ao longo da xornada, abriranse os micrófonos á participación dos oíntes, e uniranse moi especialmente a esta festa das ondas os programas Galicia por Diante e Pensando en Ti. O xoves, a Radio Galega terá como grandes protagonistas dous dos presentadores estrela da emisora pública: Kiko Novoa e Marcial Mouzo. Co sentido do humor que os caracteriza, os coñecidos locutores farán fronte ao reto que supón intercambiar, por un día, os seus respectivos programas, o magazine matinal Galicia por diante e o espazo nocturno Pensando en ti, que desenvolverá esta edición especial na madrugada do mércores ao xoves.

Ao longo de toda a grella da programación, a RG tamén estará aberta á colaboración dos seus oíntes e dos seus profesionais e colaboradores, que poderán achegar saúdos con motivo desta data tan especial. Un dos cometidos será contarlle á audiencia o significado nas súas vidas da radio, e, en concreto, da Radio Galega.

A Televisión de Galicia celebrará este día con conexións en directo cos estudios da Radio Galega nos seus diferentes programas. Deste xeito, o espazo A bóla extra estará a edición do xoves presentada por Marcial Mouzo, en emisión simultánea para a TVG e a Radio Galega; en A revista entrevistarase no estudio o responsable de Deportes da RG, Xoán Galán, e un equipo do magazine informativo estará en directo no Galicia por diante para falar con Cristina García e, pola tarde, o programa Fun polo Vento asistirá ao espazo radiofónico A tarde para conversar con Antón Rebollido sobre a efeméride. E moi pendentes tamén de todo canto aconteza na Radio Galega, desde as redes sociais da CRTVG ofreceranse vídeos de promoción sobre a emisora pública.