CRTVG Viva
Investigadores da UVigo lideran un proxecto que creará, co apoio de Forta, un modelo para os debates electorais televisados
Un equipo interdisciplinar participa nunha iniciativa, financiada polo Ministerio de Ciencia, que pretende ser un marco de referencia para os actores implicados e que conta tamén co apoio da Academia da Televisión e de Uteca
“DEBATEv” foi presentado na Complutense de Madrid coa presenza do realizador Fernando Navarrete, do director xeral de Uteca, Andrés Armas, e do director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias

Santiago, 14.11.2018.- Lideradas pola Universidade de Vigo, varias universidades elaborarán un modelo de referencia para os debates electorais televisados en España. O proxecto está financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e conta co apoio da Academia da Televisión, da Federación de Organismos de Radio e Televisións Autonómicas (Forta), da que forma parte a CRTVG, e da Unión de Televisións Comerciais en Aberto (Uteca).
O obxectivo do proxecto de investigación “Debates Electorales Televisados en España: modelos, proceso, diagnóstico y propuesta (DEBATv)” é definir unha proposta de modelo pluralista que aborde o antes, o durante e o despois dun debate electoral televisado e que sirva como marco de referencia para os distintos actores e institucións implicados na súa organización e difusión, ante a ausencia en España dunha guía destas características.
Participa neste proxecto, coordinado polos profesores José Rúas e Ana Belén Fernández, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, un equipo interdisciplinar de 20 investigadores e investigadoras, especialistas en ámbitos coma a comunicación política, o protocolo, as relacións públicas, a comunicación audiovisual, a psicoloxía e a psiquiatría.
“DEBATv” foi presentado onte na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid, nun acto en que Rúas puxo en valor a importancia da televisión como servizo público e incidiu en que os debates electorais “son imprescindibles para mellorar a calidade e transparencia da democracia”. Foi o punto de partida dun proxecto que contempla tamén a celebración dun congreso internacional en Pontevedra os días 30 de setembro e 1 de outubro de 2019.
Na presentación participou, en representación de Forta, o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias, quen puxo de relevo o papel clave das televisións autonómicas “na batalla pola credibilidade e a loita contra a información falsa” en alusión ao recente acordo do Parlamento Europeo con CIRCOM para a cobertura dos vindeiros comicios de maio.
Rúas tamén estivo acompañado polo vicepresidente da Academia da Televisión e codirector dos debates organizados pola devandita entidade en 2008, 2011, 2015 e 2016, Fernando Navarrete, quen manifestou o compromiso da Academia cos debates e a transparencia, así como polo director xeral de Uteca, Andrés Armas, quen sostivo que o concepto clásico de debate electoral está “amplamente superado” e puxo o acento na importancia de ter en conta outros formatos.
Durante o acto explicouse tamén que o manual contemplará o diagnóstico de todo o proceso, desde a negociación previa dos debates e as súas condicións cos responsables das canles implicadas e os encargados das distintas formacións políticas designados para tal fin, ata a súa repercusión en termos de recepción, audiencia e posibles efectos sobre a mesma, pasando pola realización, posta en escena, formato e contidos.