CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Á investigación do atentado no cuartel, súmase esta semana en "Serramoura" a desaparición do novizo dun mosteiro

13/05/2018

A clínica alemá que levou o tratamento de Román informa a Evaristo do estado do seu fillo (22.15 h.)

Á investigación do atentado no cuartel, súmase esta semana en "Serramoura" a desaparición do novizo dun mosteiro

Santiago, 13.05.2018.-   A pesar dos intentos do cuartel por recuperar a normalidade tras a explosión da bomba, o traballo estase empezando a acumular en “Serramoura”. Agora, os homes do tenente Penedo non só teñen que investigar quen colocou o explosivo que causou a morte de dúas persoas no cuartel e que acabou coas vidas de Rebeca e Marcelo, xa que tamén desapareceu un novizo no mosteiro de Santa Catalina.

Así, durante as vindeiras semanas, a serie “Serramoura” trasladará os espectadores ata este enclave tan especial de Montefaro, no municipio coruñés de Ares. Por uns días e grazas ás tramas da ficción, o mosteiro recobrará vida para acoller, como o fixo ata o século XIX, monxes franciscanos, que serán protagonistas dunha das historias máis inquietantes da serie da TVG. Para sorpresa e goce dos seguidores de “Serramoura”, un dos protagonistas chegará nesta entrega a Santa Catalina, talvez para quedar.

Mentres tanto, Evaristo recibe unha chamada da clínica alemá que levou o tratamento de Román para informalo sobre o estado do seu fillo. Sen pensar nas consecuencias, non dubida en botarlle en cara a Román a falta de confianza que demostrou ao non contarlle como se sente. Que fará Román ante a actitude do seu pai?