CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Iago Aspas e Adrián López recibirán os Premios 'Galicia en Goles' na Gala do Fútbol Galego

11/06/2018

O programa deportivo da Radio Galega outorgará un total de 8 galardóns entre os mellores xogadores da Liga Profesional e das restantes categorías futbolísticas  

O evento, que se celebrará o 29 de xuño en Compostela, estará organizado por primeira vez conxuntamente pola Real Federación Galega de Fútbol e a Asociación de Clubs Galegos

Iago Aspas e Adrián López recibirán os Premios 'Galicia en Goles' na Gala do Fútbol Galego

Santiago, 11.06.2018.-  A Radio Galega acaba de facer públicos os nomes dos galardoados cos Premios Galicia en Goles cos que o servizo de Deportes da emisora pública galega recoñece os mellores xogadores dos equipos galegos de fútbol da temporada 2017-18. Os galardóns entregaranse o próximo 29 de xuño no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela, nun evento que está organizado por primeira vez, conxuntamente, entre a Real Federación Galega de Fútbol e a Asociación de Clubs Galegos.

Na que será a terceira edición da Gala do Fútbol Galego, os Premios Galicia en Goles destacan da Liga Profesional como mellor xogador do Celta, a Iago Aspas; do Deportivo, a Adrián López; e a Ramón Azeez, do Lugo. En Segunda B, distinguen a Pablo Rey, do Rácing de Ferrol, como mellor xogador da categoría, e a Juan Hernández, do Celta B, co Trofeo Antonio Tarrío como máximo goleador da temporada. Como mellor xogador da Terceira División outórganlle o recoñecemento a Rubén Arce, do Arenteiro. O Trofeo Quinocho á Deportividade recae sobre o Rácing Vilalbés e o mellor árbitro destacará o labor da viguesa Elena Casal Fernández.

Nesta gran festa do fútbol galego coa que se pon o broche final á temporada 2017-18, intégrase tamén por primeira vez na celebración o fútbol sala. No transcurso da gala entregaranse, amais dos Premios Galicia en Goles, os trofeos aos equipos campións das ligas autonómicas de fútbol base e fútbol sala base, masculinos e femininos; os galardóns da Asociación de Clubs Galegos de Fútbol, e mencións especiais a clubs que fan un traballo destacado no fútbol base, así como persoas ou estamentos que merecen un recoñecemento do fútbol galego pola súa traxectoria.

A 3ª Gala do Fútbol Galego contará coa animación de dous artistas ben coñecidos pola audiencia dos medios públicos galegos, os humoristas Xosé Antonio Touriñán e Víctor Fábregas, o popular Tucho dos Tonechos.