CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

TVG estrea "Grandes Lugares", na busca das pequenas historias de cada día

18/01/2012

Este novo programa será unha ollada, optimista e orixinal, a dúas poboacións galegas que falan por si mesmas: hoxe, en Bares e As Ermitas

TVG estrea "Grandes Lugares", na busca das pequenas historias de cada día

Santiago, 18.01.2012.-  Para dar a coñecer pequenos lugares de Galicia que son “Grandes lugares” porque agochan historias e tesouros de cada día, grazas á súa xente, costumes, iniciativas e usos sociais, a TVG estrea esta noite o docusoap “Grandes Lugares”, un programa de entretemento de 50 minutos, que pretende amosar, desde un punto de vista optimista e particular, a historia afectiva e social de dúas poboacións galegas con moito para contar. Hoxe serán Bares e As Ermitas.

A través dun percorrido polos seus habitantes, costumes e peculiaridades, o programa presta atención a lugares especiais, ao seu modo de vida, ás súas iniciativas orixinais, aos aspectos menos coñecidos do seu día a día e tamén ás historias máis persoais. Os protagonistas destes pequenos lugares, aldeas ou vilas, serán os que relaten as súas vivencias e vida social máis representativa, desde espazos que transmiten un sentimento de pertenza, de familia e de benestar no rural.

Para os que viven no rural e para os que non

O novo programa, unha produción de “Pórtico” para a TVG, é un retrato diferente do mundo rural, feito tanto para os que viven nel coma para os que non, en que aparecerán persoas optimistas e cheas de vitalidade que viven felices na súa contorna, uns que nunca saíron dos seus lugares; outros emigrados que volveron e os que estaban de paso, pero todos teñen en común que non cambiarían por nada do mundo o lugar onde viven.

Un mapa de situación indicará ao inicio de cada programa o lugar elixido, reforzando coa súa imaxe o que podería ser a priori un lugar pequeno, e cada personaxe levará unha ficha de presentación explicando a súa relación co medio; así pois, os habitantes do lugar convértense en narradores para facer un retrato o máis fiel posible de cada localidade, da súa vida e da súa xente. Entre outros, coñeceranse os lugares de Bares, As Ermitas, Pepín, A Alpuxarra, Olelas, Abeleda, Murias ou Quilmas.