CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Grandes intrigas e paixóns, desde o luns na G2, coa estrea da serie 'Ouro Verde'

14/02/2020

A ficción, de factura portuguesa, foi considerada a mellor telenovela nos Premios Emmy e converteuse na novela máis vista da canle lusa TVI

Grandes intrigas e paixóns, desde o luns na G2, coa estrea da serie 'Ouro Verde'

Santiago, 14.02.2020.-  O luns 17 de febreiro estréase na segunda canle da Galega ‘Ouro Verde’ (20.45 h), unha das telenovelas máis destacadas dos últimos tempos, avaliada por un grande éxito internacional. Esta serie, a máis vista da canle portuguesa TVI, poderase seguir na G2, cada serán, de luns a venres. Creada por Maria João Costa, conta con Diogo Morgado e Joana de Verona como protagonistas principais e está producida por Plural Entertainment Portugal.

‘Ouro Verde’ narra a historia de Jorge Monforte (Diogo Morgado), un brasileiro que é o dono do imperio Ouro Verde, líder mundial no mercado agrícola. Acaba de adquirir unha participación importante nunha empresa familiar dirixida polo poderoso banqueiro portugués Banco Brandão Ferreira da Fonseca (BBFF), Miguel Ferreira da Fonseca (Luís Esparteiro), gañando un asento no consello restrinxido de directivos da institución. A nova non é ben acollida na familia do banqueiro, que sospeita das intencións reais do estranxeiro. O xiro argumental sucede cando o espectador descobre que Jorge Monforte é a nova identidade de Zé Maria Magalhães, dado por morto hai 15 anos, que volve agora para facer xustiza polo asasinato da súa familia.

Esta nova ficción, que promete grandes intrigas e paixóns, obtivo nos Premios Emmy de 2018 o galardón á mellor telenovela internacional, sendo esta a segunda ocasión en que Plural e TVI obteñen este recoñecemento aos mellores programas de televisión producidos e distribuídos fóra dos Estados Unidos.