CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Grande acollida onte de "Serramoura", a nova aposta de ficción da Galega, na súa preestrea

03/10/2014

Centos de asistentes, na súa maioría do sector audiovisual, déronse cita no Auditorio Abanca de Compostela para ver o primeiro capítulo

O público presente respaldou a produción cunha ovación pechada ao remate da emisión

Numerosas facianas coñecidas apoiaron coa súa presenza a presentación da serie, que poderá verse en todos os fogare

Grande acollida onte de "Serramoura", a nova aposta de ficción da Galega, na súa preestrea

Santiago, 03.10.2014.-   Unha das grandes apostas de ficción da Televisión de Galicia para esta temporada, "Serramoura", tivo onte a súa posta de longo ante un nutrido público, na súa meirande parte procedente do sector audiovisual. Centos de persoas encheron o Auditorio Abanca de Santiago de Compostela no acto de presentación da serie onde se puido ver o primeiro capítulo, previa a súa estrea este domingo, ás 22.00 horas.

Ao remate da súa emisión, o público presente entre o que se atopaban coñecidos presentadores da canle pública galega, como Xosé R. Gayoso, Xosé M. Piñeiro, Ana Pérez, María Solar, Moncho Lemos, Roberto Vilar, ou Sevi Martínez, respaldou esta nova ficción cunha ovación pechada.

Á preestrea de "Serramoura", thriller rural, cuxa historia se sitúa nunha pequena vila do interior, con moitos segredos, que vive da explotación dos seus recursos madeireiros e arranca co asasinato dunha moza, acudiron os seus directores Miguel Conde e Jorge Saavedra, a parella de actores principais Miguel Ángel Blanco e Lucía Regueiro, así como gran parte do reparto, como Antonio Mourelos, Alfonso Agra, Isabel Naveira, Xabier Deive, Uxía Blanco, Sabela Arán ou Xosé Barato.

Produtores e actores apoiaron coa súa presenza o lanzamento da nova produción, coa que a Televisión de Galicia agarda sorprender os espectadores este outono. Puídose ver a Luís Zahera, María Mera, Francis Lorenzo, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira, Antón Durán 'Morris', Marcos Pereiro, Santi Romay, Manu Regueiro, Isabel Blanco, Isi, Manuel San Martín, Patricia Vázquez, por citar algúns dos moitos artistas habituais do sector audiovisual galego.

Entre os asistentes, dous representantes da Garda Civil convidados pola súa colaboración estreita co desenvolvemento de "Serramoura": o capitán da compañía de Santiago, Luis Arroyo Pérez, e o tenente de Milladoiro, Jesús Ramón Viaño. Tampouco se perderon o debú de "Serramoura", a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana; o director de Agadic, Jacobo Sutil; a directora da TVG, Rosa Vilas; o director xeral da Corporación Voz de Galicia, Lois Blanco; o director de Voz Audiovisual, Carlos Carballo; o director de Programación da TVG, Fernando Madriñán; o director de Comercial da TVG, Francisco Giráldez ou Fernando R. Ojea, director de Comunicación da CRTVG.

Preme aquí para ver máis fotos e aquí para ver máis información sobre a serie.