CRTVG Viva
Grande acollida da nova serie da TVG 'O final do Camiño' na súa preestrea en Santiago
Esta superprodución, que está ambientada nos anos da construción da catedral de Santiago, emitirase os mércores en ‘prime time’

Santiago, 11.10.2016.- A TVG presentou este martes a nova serie de ficción, 'O final do Camiño', cunha preestrea no Auditorio de Abanca en Santiago á que acudiron numerosos rostros coñecidos da canle pública, así como o o equipo técnico e artístico da serie. 'O final do camiño' comezará a emitirse este mércores en horario de prime time, a partir das 22.15 h.
Trátase dunha gran produción de Voz Audiovisual para a Televisión de Galicia e a Televisión Española que foi rodada en diferentes puntos de Galicia e para a que se reconstruíron espazos da Compostela medieval. A preestrea da serie contou coa asistencia de Rosa Vilas, directora da Televisión de Galicia; Lois Blanco, director xeral da Corporación Voz; a secretaria xeral de Medios da Xunta de Galicia, Mar Sánchez Sierra; a secretaria xeral de Turismo, Nava Castro; ou o Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares. Gran parte do elenco galego da serie estaba tamén na preestrea, coma os actores Cristina Castaño, Xavier Deive, Tito Asorey, Antonio Durán “Morris”, Antonio Mourelos, Miguel Ángel Blanco ou Fernando Morán.
A serie, de oito capítulos, está protagonizada por Antonio Velázquez, Javier Rey, Guillermo Barrientos e Begoña Maestre, que dan vida aos irmáns Gonzalo, Pedro e Estevo de Catoira, e a Elvira, á muller do primeiro. A nova serie recrea os difíciles anos da construción da catedral de Santiago, entre 1075 e 1120. A través da vida dos irmáns De Catoira e as súas relacións con distintos personaxes históricos coma os bispos Peláez e Xelmírez, ou a raíña dona Urraca, os espectadores asistirán a un tempo de loitas entre cristiáns e musulmáns e disputas polo poder entre os distintos estamentos sociais.O espectador atopará unha gran acción, espectaculares escenarios e a recreación da vida naquela época, para o cal interviron numerosos extras que dan forma a batallas, desembarcos e pelexas.